A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Fica conformada a PLATAFORMA EN DEFENSA DAS UXFOR

Fica conformada a PLATAFORMA EN DEFENSA DAS UXFOR

28 de Outubro do 2009

UXFOR

O pasado domingo 25 de outubro reuníronse en Chantada representantes das Comisións de propietarias e propietarios das UXFOR (Unidades de Xestión Forestal), para buscar unha saída á situación que están a sufrir logo de que se paralizaran os traballos que a Dirección Xeral de Montes estaba a realizar nos terreos de xestión conxunta.

Nesta que foi xa a súa segunda xuntanza, e á que acudiron representantes de 13 UXFOR e 4 entidades relacionadas co sector forestal, creouse a Plataforma en defensa das Uxfor, á que xa prestaron o seu apoio comisións de propietarios/as de UXFOR que non puideron asistir á convocatoria.

O obxectivo principal da plataforma é o de velar porque a Administración cumpra os compromisos adquiridos coas comisións promotoras das unidades de xestión forestal no tocante ós traballos comprometidos coas mesmas. Ademais de que se busque unha saída ás UXFOR que están en proceso de creación e que se axilicen os tramites administrativos que o proceso leva aparellados.

Creouse así mesmo unha comisión encargada de inicia-los traballos de posta en marcha da plataforma e solicitar xuntanzas co Director Xeral de Montes, os Grupos Parlamentarios e os/as Delegados/as Territoriais da Xunta de Galicia.

Decidiuse tamén solicita-lo apoio por parte dos concellos nos que se asentan as uxfor afectadas, xa que se trata dunha problemática que afecta de primeira man ós veciños e veciñas propietarios dos montes.

Proximamente farase presentación pública da plataforma e darase a coñece-lo manifesto que conten as liñas ideolóxicas pola que se rexe a mesma.