A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Sindicato Labrego segue cos seus contactos para potenciar a comercialización do viño galego

O Sindicato Labrego segue cos seus contactos para potenciar a comercialización do viño galego

30 de Xullo do 2007

Encontro do viño no comercio

O 18 de xuño, o responsábel da Dirección do Viño do SLG, Manuel Docampo; e o secretario de sectores agrarios, Xosé Manuel González Vilas, reuníanse coa directora xeral de Comercio, Ana Rúa, para tratar con ela diversos aspectos dos problemas de comercialización e promoción que padecen os viños galegos. E neste eido, unha das “teimas” do Sindicato Labrego, segundo Manuel Docampo, é facer fronte á perda de mercado interno que estamos a sufrir na propia Galiza, en contraste co aumento nas exportacións.

Por iso, Vilas e Docampo faláronlle a Ana Rúa de articular medidas para que os viños galegos estean nunha boa situación nas tendas, hipermercados, supermercados, mesmo as gasolineiras, etecétera. Ademais, tamén lle sinalaron á política nacionalista a necesidade de que "os nosos viños galegos de calidade teñan unha rotulación propia e estean en lugares diferenciados xunto a outros viños con denominación de orixe. "Dende logo", afirma Docampo, "os viños do país deben ter unha preferencia nos establecementos comerciais galegos, nas casas de turismo rural, ou na restauración, xa que este tipo de establecementos reciben axudas da Dirección Xeral de Comercio, e o normal sería que se establecesen medidas para discriminalos positivamente. Trátase só de que os nosos viños estean dignificados e no lugar que lles corresponde".

Utilidade para os centros comarcais e galeguización das feiras do sector

Outro dos temas tratados no encontro foi o convenio entre a Consellaría de Industria e a de Medio Rural sobre o uso dos centros de desenvolvemento comarcal para promover actividades locais como a artesanía. Neste senso, os representantes do Sindicato Labrego propuxeron introducir exposicións permanentes nas que se poidan ver todos os viños de cada comarca, con información suficiente para promovelos.

Tamén se falou das feiras especializadas do sector na Galiza, como Vintex ou Fevino. Docampo explicou que "mentres que Vintex está a facer unha aposta seria pola promoción do viño do país; Fevino, de Ferrol, semella máis unha feira de caldos foráneos, ou mesmo da Rioxa, ao non apostar polo viño galego de calidade". Grazas a esta crítica, Ana Rúa comprometeuse a advertir a Fevino de que non tome esa orientación.

O selo de Galicia Calidade nos viños foi outra das cuestións tocadas na xuntanza, xa que hai moi poucos caldos galegos que teñan esa distinción. Ana Rúa amosouse disposta a apoiar a intención de que aumente o número de produtos galegos de calidade.

Docampo e Vilas tamén lle pediron que en todos os actos oficiais de calquera consellaría ou organismo dependente da Xunta se utilicen viños galegos.

Antes de concluír a reunión, Manuel Docampo e González Vilas amosaron a súa intención de dar continuidade ao encontro cunha xuntanza a máis alto nivel co Conselleiro de Industria, Fernando Blanco. Ambos queren facer ver a este departamento da Xunta a necesidade de considerar o viño coma un sector estratéxico, de maneira que cando haxa situacións de crise se fagan plans de apoio como noutros sectores industriais, sobre todo no elaborador, que se podería encadrar perfectamente en áreas de industria e comercio. Desta maneira, "poderíase incidir positivamente nas zonas onde o seu punto feble sexa a comercialización".