A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Falla de información e transparencia na declaración de Zona ZEPA para A Limia que a CMR quere aprobar mañá.

Falla de información e transparencia na declaración de Zona ZEPA para A Limia que a CMR quere aprobar mañá.

11 de Novembro do 2009

hai moitos xeitos de ser un paxaro

O Sindicato Labrego Galego, ante o anuncio feito hoxe pola Consellaría do Medio Rural*, no que se comunica que o Consello da Xunta aprobará mañán o Decreto polo que se declara a zona de especial protección de aves na Limia, quere manifestar a súa desconformidade con este Decreto debido á falta de información e transparencia por parte da Consellaría do Medio Rural.

A Consellaría presentou no seu momento este “novo proxecto” en Bruxelas, sen contar para nada cos axentes sociais, empresariais, ecoloxistas, e organizacións profesionais agrarias da comarca.

No tocante ó Decreto, e referíndonos á propia nota da Consellería do Medio Rural, di textualmente: “respectaranse os usos agrarios tradicionais da comarca”. Diante desta inexactitude, dende o SLG consideramos que é fundamental primeiramente sabermos que entende esta Consellaría por “usos tradicionais”? E tamén: que criterios vai seguir esta Consellería para os “usos non tradicionais”?

Segundo se especifica tamén neste texto, créase unha “zona periférica de protección”, adicada a minimizar impactos sobre os hábitats das especies”.

Moi ben, mais como se van regular estas medidas? En que van consistir?, As Medidas Agroambientais van ser distintas das que xa existen hoxe na política agraria?

Por outra banda, se ben é certo que na declaración ZEPA actual fíxose unha redución de hectáreas con respecto á anterior proposta, se miramos esas reducións, dá a impresión de que se trata dunha redución feita a dedo e mirando moi ben a quen se exclúe da zona ZEPA: o hipódromo dos cabalos, a central eléctrica, o polígono de Sarreaus, núcleos rurais, etc.

Cales son, polo tanto, os criterios técnicos desta redución?

Recentemente (23/10/2009) aprobouse no Parlamento de Galiza, por unanimidade dos tres grupos parlamentares, unha iniciativa do BNG na que se instaba á Xunta de Galiza a:

que inicie con carácter previo a calquera decisión un proceso de diálogo e negociación con tódalas partes coa finalidade de acadar unha solución de consenso”

Antes de aprobar o Decreto da ZEPA garantirase que non vai afectar á actividade agrogandeira.

Á vista da nota de prensa emitida hoxe pola Consellaría, realmente valen para algo estes acordos parlamentarios ou son para quedar ben e non gastar un peso?

En definitiva, todas estas preguntas sumadas ó feito que nin o anterior goberno nen o actual se dignaran a aparecer pola comarca a explicar o proxecto da zona ZEPA, danos a entender que se vai a facer por Decreto, pola porta de atrás, e xa veremos logo que pasa...

 

*Ficheiro para descarregar:

Comunicado emitido o pasado 11 de setembro polo SLG ao respeito tamén da Declaración de Zona ZEPA para A Limia.

Ficheiro adxunto