A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Plataforma en defensa das UXFOR realizará un seguimento exhaustivo dos compromisos establecidos polo Director Xeral de Montes

A Plataforma en defensa das UXFOR realizará un seguimento exhaustivo dos compromisos establecidos polo Director Xeral de Montes

24 de Novembro do 2009

seguimento dos compromisos

Na pasada semana, representantes da Plataforma en defensa das UXFOR, mantiveron sendas xuntanzas co Delegado Territorial da Xunta de Galiza en Ourense e co Director Xeral de Montes, para facerlle chegar as súas demandas e preocupacións e esixir unha resposta concreta sobre da situación inmediatamente futura das UXFOR no país, debido ó mutismo que a Administración estaba mantendo ó respecto.

Neste senso o Director Xeral garantiunos a aposta do Goberno pola xestión conxunta dos montes, se ben están a estudar modificacións e alternativas ó modelo actual das UXFOR, e deu conta do porqué da paralización na tramitación dos expedientes e as obras que se estaban a executar.

Con todo comprometeuse a:

Remata-la revisión do Decreto das UXFOR e ter lista a remodelación para principios do ano 2010.

Revisión do estado de tódalas UXFOR en proceso de creación, no primeiro trimestre do vindeiro ano.  Tanto na tramitación dos expedientes administrativos como nas obras realizadas e pendentes.

Busca-lo xeito idóneo de remata-las obras comprometidas e facelo coa menor demora posible.

Continuar coa promoción desta figura de xestión conxunta do monte e darlle prioridade nas ordes de axuda que habilite a Consellería do Medio Rural.

Nas vindeiras semanas farase a convocatoria para unha nova xuntanza da Plataforma en defensa das UXFOR, na que se valorarán tódolos aspectos recollidos na distintas xuntanzas mantidas, tanto cos grupos parlamentarios coma cos representantes da Administración, e se tomarán as decisións oportunas.

O que está seguro é que faremos un seguimento exhaustivo das accións que vaia levando a cabo o goberno da Xunta con respecto ás UXFOR e que velaremos polo cumprimento dos compromisos adquiridos.