A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG e a CEVC trasladan ao Delegado do Goberno e á Presidenta do Consello Agrícola o rexeitamento do sector produtor ás propostas do GAN

O SLG e a CEVC trasladan ao Delegado do Goberno e á Presidenta do Consello Agrícola o rexeitamento do sector produtor ás propostas do GAN

12 de Xullo do 2010

Prado e Freire

Na mañá de hoxe, o Grupo de Alto Nivel para o leite presentou diante do Consello Agrícola, integrado polos ministros e ministras de agricultura dos 27 países da UE, as súas conclusións para saír da crise do sector leiteiro.

 Prado e Freire

Lupe Prado -gandeira da Terra Chá e Responsabel do Sector Leiteiro no SLG- e Carme Freire -Secretaria Xeral-

Antes de que tivera lugar esta exposición, no marco dunha reunión celebrada entre a Presidenta do Consello Agrícola, Sabine Laurelle, e unha delegación da Coordenadora Europea Vía Campesina na que se atopa a Secretaria de Organización do SLG e Responsábel do Grupo de Traballo de Producións Animais da CEVC, Lídia Senra, Laurelle adiantou que no día de hoxe non se tomarán decisións, continuando a reunión Consello Agrícola o vindeiro 27 de setembro, de cara a tomar decisións sobre a política leiteira a finais deste ano.

Polo tanto, o debate no tocante ás fórmulas a aplicar para rematar coa crise do sector leiteiro continuará nas institucións europeas, polo que seguiremos presionando a tódolos niveis,coma produtores e produtoras, demandando unha reforma da política leiteira, real e baseada en criterios agrosociais.

lidia120710

Intervención en Bruxelas de Lídia Senra, Secretaria de Organización do SLG, coma Responsábel do Grupo de Traballo de Producións Animais da Coordenadora Europea Vía Campesina.

O sector produtor europeo, foi convocado xa hoxe a Bruxelas para amosar a súa disconformidade coas recomendacións do GAN1.

Simultáneamente, na Galiza, a Secretaria Xeral do SLG, Carme Freire, e a gandeira e Responsábel do Sector Leiteiro, Lupe Prado, trasladaron esta mesma valoración ao Subdelegado do Goberno, Antón Louro, ao tempo que lle achegaron as propostas do SLG e CEVC para rematar coa crise do sector leiteiro.

carme freire

Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG, minutos antes da xuntanza co Delegado do Goberno, Antón Louro.

 

Por que rexeitamos as recomendacións do GAN?

 

Dende a creación do GAN no 2009, a CEVC foi chamada en tres ocasións para respostar ás súas consultas. Malia ao diálogo precedente, Senra voltou afirmar hoxe que “para a Coordenadora Europea Vía Campesina as conclusións do GAN son unha condena clara aos produtores e produtoras de leite da UE2 porque non aborda en absoluto as razóns da crise ni expón ningún tipo de solucións á mesma”.

 

1. En primeiro termo o GAN non aborda a necesidade do control da produción -equilibrando a produción europea ao consumo- para manter prezos remuneradores que cubran custos de produción e traballo.

 

Non debemos esquecer que esta crise de prezos desatouse no momento en que dende a Comisión comézase a anunciar a intención de rematar co control da produción de leite na UE mediante a supresión das cotas.

 

Tampouco tratan a cuestión do reparto da produción entre Estados e a redistribución entre as explotacións da UE. Non é de recibo manter a situación actual, na que algúns estados, por teren chegado antes á política leiteira da UE, acaparan unha cantidade de produción moito superior á do seu consumo, en tanto que os países do sur, centro e leste de Europa, que entramos posteriormente, temos que nos conformar cunha cota de produción inferior ao noso consumo.

 

Tampouco é de recibo que haxa grandes explotacións industriais que producen grandes cantidades, en tanto que os pequenos produtores/as non teñen dereito para poder producir unha cantidade suficiente para obter unha renda mínima.

 

2. Asemade, non se aborda a demanda fundamental do prezo. Malia falar de cuestións coma o contrato, e mesmo vinculalo nas súas conclusións á estabilización do prezo “nós sabemos que isto é absolutamente falso -sentenciou Senra- Aquí, ou hai medidas políticas de cara a permitir o establecemento de prezos que cubran custos de traballo e produción ou todo ficará en papel mollado.

 

A contractualización prantexada polo GAN vai no sentido de remprazar o control público da produción por contratos privados entre produtores/as e empresas, o cal non vai resolver nada a nivel de regulación da produción, e ademais repercutirán negativamente nos produtores/as, como podemos comprobar no caso de Suíza, que dende fai dous anos funciona con este sistema e onde o seu sector produtor foi dos máis danados pola crise.

 

Os contratos teñen sentido só se previamente se dá unha negociación colectiva do prezo, como afirmamos non só o SLG e a CEVC, senón tamén persoas expertas convidadas pola propia Comisión Europea, que afirman que os contratos non porán en igualdade de condicións ao sector produtor e industrias.

 

3. No tocante ao poder de negociación dos produtores/as, fica claro que este será nulo se finalmente nos atopamos nun marco onde vai a haber todo o leite que se queira producir, é dicir, nun mercado cun alto grao de oferta.

 

4. Outro punto que debería ter tratado o GAN é o dos modos de produción. Non podemos seguir tendo a nivel europeo unha produción totalmente dependente de pensos que veñen de fóra da UE. Europa ten un territorio grande abondo para poder producir en base á terra, con pastos, e sería un modo de relocalizar a produción nas zonas agroclimaticamente favorables.

 

Ademais, dende a CEVC temos claro que este cambio de modo de produción é fundamental para facer fronte a un problema que afecta moito aos labregos e labregas e a toda a cidadanía en xeral: o cambio climático.

 

5. Por último, o GAN non abordou a problemática do dumping que os produtores e produtoras europeas estamos a realizar noutros mercados. Dumping provocado por unha política leiteira que fomenta as subvencións á exportación en troques de garantir un prezo xusto para o leite que cubra custos de produción e traballo.

 

 

2NdP da CEVC[17de Xuño do 2010] Política leiteira da UE: o Grupo de Alto Nivel condena ás gandeiras e gandeiros europeos. http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=3&i=558

 

Ficheiro para descarregar: Declaracións de Lupe Prado, Responsábel do Sector Leiteiro.

Ficheiro adxunto