A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Lei contra a Morosidade, unha ferramenta para rematar coa extorsión das empresas ás labregas e labregos

A Lei contra a Morosidade, unha ferramenta para rematar coa extorsión das empresas ás labregas e labregos

15 de Xullo do 2010

Carme Freire 150710

Na mañá de hoxe a Secretaria Xeral do SLG, Carme Freire Cruces, trasladou en rolda de prensa a positiva valoración do Sindicato Labrego Galego ao respeito da entrada en vigor o pasado 7 de xullo, logo da súa publicación no BOE, da modificación da Lei 3/2004 -segundo a redacción dada pola Lei 15/2010- pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

CFreire150710

Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG, na rolda de prensa desta mañá na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela.

 

No sector agrogandeiro, onde o habitual é -ou “era”- o establecemento períodos de pago esaxeradamente dilatados, impostos polas empresas que adquiren os produtos (os sectores lácteo e vitivinícola son dous dos máis representativos), esta lei é de substancial importancia para as persoas que producimos alimentos.

Xa facía falta unha lei destas características para impedir todo tipo de extorsión que dende as empresas, e principalmente dende as multinacionais, lévase facendo nos últimos anos coas nosas explotacións”, celebrou C. Freire.

A partires de agora, e segundo indica textualmente a lei: “Os aprazamentos de pago de produtos de alimentación frescos e perecedoiros non excederán en ningún caso de 30 días a partir da data da entrega das mercadorías. Con relación aos produtos de alimentación que non sexan frescos ou perecedoiros os aprazamentos de pago non excederán en ningún caso de 60 días a partir da data de entrega da mercancía."

E recóllese tamén textualmente no preámbulo: “Este prazo de pago non poderá ser ampliado por acordo entre as partes”, prohibición establecida para evitar as moi posíbeis -porque así o estiveron facendo até o de agora- prácticas abusivas de grandes empresas sobre pequenas e pequenos provedores, que poden dar lugar a aumentos inxustificados de prazo de pago.

Por outra banda, dende o SLG queremos subliñar que é moi importante que todo o sector produtor teña claro que, segundo o establecido no texto aprobado, fican inhabilitados calquera pacto ou contrato que non respecte esta lei.

No Sindicato Labrego Galego celebramos a aprobación das modificacións recollidas na Lei 15/2010, ao tempo que manifestamos as nosa vontade de estar alerta para que non se sigan a dar atrasos ou impagos no sector agroalimentario e, no caso de que algunha empresa infrinxise esta Lei, proceder á súa identificación e denuncia pública.

Neste sentido é fundamental a información rápida e detallada das persoas que sufran atrasos/paralizacións nos pagamentos, para o que o Sindicato Labrego Galego ponse a disposición de todas aquelas produtoras/es afectadas por este tipo de abusos, para entre todas e todos rematar coa insostíbel situación de dilatación nos pagamentos dos nosos produtos.