A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O futuro que se leva o vento

O futuro que se leva o vento

25 de Agosto do 2010

o futuro que se leva o vento

O Sindicato Labrego Galego denuncia a indefensión da veciñanza afectada polo proceder da compañía eléctrica Eólica Galenova S.L., entidade privada (filial de Caixanova para a explotación eólica) que dende o 2007 ten admitido a trámite un parque eólico de 19 aeroxeneradores que afectará ás parroquias de Cabanas, Lañas, Marcelle e Barro do Concello de A Baña e ás parroquias de Rial e Coucieiro, de Val do Dubra.

Dende a súa tramitación no 2007 até o día de hoxe, as persoas afectadas directamente na súa propiedade por este parque non recibiron notificación formal da empresa nin da Consellería de Industria. A noticia estalle chegando agora por sorpresa e directamente a través de traballadores da empresa que presentan un contrato de arrendamento e lles ameazan coa expropiación se non aceptan os baixos importes económicos alí recollidos.

 

Por outra banda, a compañía Eólica Galenova, está contactando case exclusivamente con aquelas persoas que terán un aeroxenerador na súa propiedade, ofrecéndolle unha cantidade fixa anual en concepto de arrendamento. Á maior parte dos demais veciños e veciñas afectados polo resto das infraestruturas que despregará o parque, ou non se lles ten informado aínda ou ofréceselle unha cantidade ridícula en concepto de indemnización.

 

Non obstante, fica claro que o impacto das liñas de interconexión e evacuación da enerxía, así coma o das vías de servizo, é tan agudo ou máis que o dos propios muíños: está prevista a construción dunha subestación transformadora, unha torre de control meteorolóxico, uns 5.456 metros de vías de acceso e servizo, outros 8.862 metros de gabias para soterrar as liñas eléctricas e 1.894 metros de camiños serán acondicionados para as necesidades do parque.

 

Dende o Sindicato Labrego Galego, diante da actitude ostentada por Eólica Galenova S.L., lembramos que as empresas non teñen capacidade legal de expropiación, mal que lles pese a moitas, e que só a Administración Pública pode ditaminar a expropiación para aqueles proxectos ou obras que sexan declaradas Bens de Utilidade Pública, título co que non conta o Parque Eólico de Vilamartiño.

 

Se temos en conta ademais que se trata dun parque achegado ás casas -coas conseguintes molestias de ruído-, con moitas posibilidades de afectar aos mananciais de auga e que ocupa terreos de vital importancia para as explotacións gandeiras da zona, dende o Sindicato Labrego Galego esperamos que, a tenor da lóxica do “interese xeral”, a declaración de Ben de Utilidade Pública non chegue a suceder.

 

Coma está a ser habitual dende as políticas despregadas pola Administración Galega, estase limitando o uso das mellores terras agrícolas primando outros intereses económicos que empeoran a calidade de vida e contribúen a expulsar poboación do noso rural, en lugar de apoiar un modelo de uso baseado na produción de alimentos, que xere mellores condicións de vida e fixe poboación.

 

O Sindicato Labrego Galego quere deixar ben claro dende un primeiro momento que, como ten ocorrido historicamente con outras iniciativas de explotación privada dos recursos naturais da Galiza, a desigualdade de trato e de ofertas que a empresa lle está dando ás persoas afectadas polo parque ten como único obxectivo dividir aos veciños e veciñas, xerar confusión e acadar sinaturas rápidas e pouco informadas que subscriban os contratos de arrendamento.

 

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos facer ademais un chamamento aos alcaldes dos concellos afectados -A Baña e Val do Dubra-, para que deixen de ser cómplices do lucro de intereses privados, e se poñan do lado dos seus veciños e veciñas para defender o interese público e colectivo das parroquias afectadas.