A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. AS ORGANIZACIÓNS AGRARIAS PECHAN O CALENDARIO DE MOBILIZACIÓNS

AS ORGANIZACIÓNS AGRARIAS PECHAN O CALENDARIO DE MOBILIZACIÓNS

27 de Agosto do 2010

por un prezo xusto para o leite

A irresponsabilidade de industrias e administracións impiden outra saída ao sector.O Sindicato Labrego Galego (SLG),Unións Agrarias (UUAA),Xóvenes Agricultores (XXAA) e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) pecharán o vindeiro 31 de agosto o calendario de reunións sectoriais que leva desenvolvendo ao longo dos meses de xullo e agosto para tentar atopar unha saída á desesperada situación dos produtores e produtoras de leite na Galiza.

No citado encontro, que terá lugar en Santiago de Compostela, tratarase o calendario de mobilizacións previsto para denunciar a usura á que da entrada a actitude inmoral e chantaxista das industrias lácteas, salientando en negatividade Lactalis, Leite Río e Celta, que están a piques de pasar á Historia como os especuladores que afundiron un sector do que dependen máis de 100.000 empregos, e que é a base económica do 50% dos concellos de Galicia.

Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Xóvenes Agricultores e a Asociación Galega de Cooperativas, porán tamén enriba da mesa o ausentismo e a deixadez de funcións da que as administracións fixeron gala en todo este período. Unha actitude ben distinta á amosada polos representantes políticos franceses, que polo menos acadaron hai unhas semanas un acordo entre o sector, que na práctica trazou un incremento dun 10% para o segundo semestre do 2010, o que supón acadar un prezo para o produtor de 33 céntimos, que malia a nin sequera supor cubrir custos de produción, alomenos demostra un certo interese gubernamental por mellorar a situación dos gandeiros e gandeiras franceses.

Lonxe desta situación, a venda da produción do sector produtor galego está sometida á franxa dos 28 céntimos, percibindo as explotacións lácteas de Galicia prezos entre os máis baixos das comunidades produtoras de España, cuns ingresos inferiores nun 13,4%, o que supón unha mingua de 14.465,51 € na súa renda anual.

As organizacións agrarias e as cooperativas esperan das administracións que poñan enriba da mesa políticas e plans de accións que reconduzan as prácticas irresponsables das industrias lácteas que están a fomentar a especulación na distribución, nun momento no que en toda Europa estase a dar unha conxuntura claramente alcista para o prezo do leite e os seus derivados.

Esta realidade vénse sumar a outras claras actuacións de abuso de poder cara ao colectivo de produtores de leite consistentes en ameazas de deixar liñas de recollida de leite, atrasos nos pagamentos, repartimento das rutas, preferencia polo leite foráneo, incumprimento permanente dos acordos por parte da industria e a distribución, etc.

Desde UUAA, XXAA, SLG e AGACA reitérase que son precisamente as empresas de orixe galega, sobre as que ten todas as competencias inspectoras a Xunta, as que menos están a pagar no mercado, até alcanzar preto dun 10% de media respecto dos operadores de fóra de Galicia.