A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A UE asume que prezo mínimo e negociación colectiva son imprescindíbeis para rematar coa crise no sector leiteiro

A UE asume que prezo mínimo e negociación colectiva son imprescindíbeis para rematar coa crise no sector leiteiro

28 de Septembro do 2010

leite

 

Dende o Sindicato Labrego Galego amosámonos prudentes diante do anuncio de que o Ministerio de Medio Rural (MARM) quere lexislar para facer obrigatorio un contrato homologado entre as industrias leiteiras e o sector produtor, que teña por referencia o prezo mínimo acadado en Francia.

 

Prudencia que mantemos tamén, até coñecermos máis datos, diante do anuncio da Unión Europea de modificar a lexislación para que as organizacións de produtores e produtoras poidan negociar coa industria o prezo de venda do leite.

 

En principio, trátase de novas positivas, mais aínda non sabemos se serán unha realidade, xa que a decisión do Ministerio só se tomará tras unha reunión coas organizacións agrarias e coa Federación de Industrias Lácteas (FENIL) o vindeiro 8 de outubro, na que será fundamental a actitude que manteña o MARM.

 

Se o Ministerio de Medio Rural traballa seriamente por acadar estas mudanzas, trataríase dun paso máis de cara a conseguir unha demanda histórica do Sindicato Labrego Galego: a fixación e garantía dun prezo mínimo que cubra os custes da produción leiteira e deixe unha marxe de beneficios digna nas explotacións.

 

Por outra banda, que se legalice a negociación de prezos entre as industrias e o sector produtor e que se lle dea cobertura legal aos acordos que se acaden, non é garantía de nada se non hai un control da produción.

 

Se a intención da Unión Europea segue a ser liberalizar a produción de leite, atoparémonos con que o exceso de oferta botará por terra os prezos de partida nas negociacións e lles deixará ás industrias unha postura moi cómoda na que non estarán obrigadas a aceptar as demandas labregas.

 

Sen control, a produción tenderá a concentrarse cada vez en menos mans, o que derivará na destrución paulatina do meirande das explotacións e, con ela, a destrución do principal tecido socio-económico que vertebra o noso medio rural.

 

Ademais, no Sindicato Labrego estamos totalmente en contra de que as axudas da Política Agraria Común (PAC) se deban vincular ao asinamento destes contratos. Se existe acordo de prezos e os contratos serven como garantía do cumprimento dos mesmos,  non fai falta que sexan obrigatorios para que a xente os asine.

 

Non vemos nin necesario, nin positivo, que se vinculen os contratos a axudas ás que as explotacións teñen dereito.

 

Polo tanto, agardamos que o Ministerio se comprometa realmente co sector e, no serio desempeño das súas responsabilidades, garanta por fin o establecemento dun prezo mínimo que cubra custos de produción e remunere o traballo, así coma o dereito á negociación colectiva do mesmo.