A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Isabel Vilalba representará á Marcha Mundial das Mulleres na asemblea da FAO desta fin de semana en Roma

Isabel Vilalba representará á Marcha Mundial das Mulleres na asemblea da FAO desta fin de semana en Roma

8 de Outubro do 2010

Isabel Vilalba

A responsábel da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, partiu hoxe, 8 de outubro, cara a Roma, para participar na Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) en representación da Marcha Mundial das Mulleres, da que o SLG forma parte.

Do 8 ao 10 de outubro, Vilalba participará activamente no seo do Foro da Sociedade Civil, unha novidade introducida polo organismo da ONU para dar participación na toma de decisións a colectivos sociais de todo o mundo dentro dunha campaña que leva o nome de “More and Better” (máis e mellor) http://www.moreandbetter.org/es/ . Os obxectivos desta campaña son presionar sobre as diversas políticas nacionais e internacionais de cara diminuír o número de persoas esfameadas e desnutridas no mundo; e para que aumenten os apoios -en calidade e cantidade- á agricultura, á alimentación e ao desenvolvemento rural.

Isabel Vilalba no Foro de Soberanía Alimentaria de Nyéléni, celebrado en Mali en 2007

Nos últimos tempos, as políticas da FAO estaban a ser deseñadas sen escoitar, moitas veces, os intereses das persoas e comunidades ás que ían dirixidas; e empregaban cartos que, nalgúns casos, mesmo empeoraron a situación de fame e de pobreza polo xeito en que se investiron. Isto levou, segundo explica Isabel Vilalba, a que o Comité de Seguridade Alimentaria da FAO recoñecese “que cómpre incorporar á toma de decisións ás persoas da sociedade civil, ás organizacións labregas, ás mulleres, ás comunidades pesqueiras e, en resume, a aquela parte da sociedade que ten relación directa coa produción de alimentos”. Para Vilalba, é fundamental “manter as decisións da política agraria de todo o mundo na FAO e non na Organización Mundial do Comercio (OMC), xa que esta última actúa en base aos intereses das multinacionais en troques de centrar esas políticas en aspectos fundamentais como alimentar á xente ou manter os postos de traballo”.

 

Dentro do amplo programa de actos que enmarca esta asemblea da FAO, destacará o papel desenvolvido pola Vía Campesina, organización labrega internacional á que pertence o SLG. O 11 de outubro, A Vía Campesina ofrecerá unha rolda de prensa, dentro dos actos da FAO en Roma, titulada “A agricultura labrega e familiar sostible pode alimentar o mundo”. A maiores, o 12 de outubro, celebrarase un relatorio no que participarán varios labregos e labregas da Vía Campesina de todo o mundo para falar da súa experiencia nos últimos tres anos. O obxectivo destes actos da Vía Campesina será denunciar o papel dos especuladores financeiros no acaparamento de terras e na volatilidade dos prezos alimentarios, e a concentración de recursos naturais cada vez en menos mans. Esta actividade se completará con accións simbólicas diante das embaixadas de gobernos e das sedes de organismos que teñen en marcha políticas activas de acaparamento de terras. Entre as previsións, están as protestas en Alemaña diante da sede do Deutsche Bank.