A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. 16 de outubro de 2010. Chamada europea á acción: Por unha Europa libre de OXM e contra Monsanto, Basf, Bayer, Syngenta e os agronegocios

16 de outubro de 2010. Chamada europea á acción: Por unha Europa libre de OXM e contra Monsanto, Basf, Bayer, Syngenta e os agronegocios

8 de Outubro do 2010

Coordenadora Europea da Via Campesina

Con motivo do Día Mundial da Alimentación, proclamado polas Nacións Unidas para o 16 de outubro, a Coordenadora Europea da Vía Campesina chama á sociedade civil coa fin de organizar accións descentralizadas para denunciar o papel das empresas agroalimentarias, como Monsanto, na destrución da biodiversidade e a privatización dos seres vivos.

As novas propostas da Comisión Europea sobre os transxénicos poden ocasionar unha “flexibilización” das normas sobre a autorización de Organismos Xeneticamente Modificados (OXM), coa súa proposta de renacionalizar a toma de decisións sobre cuestións relacionadas cos transxénicos. En marzo de 2010, a Comisión Europea autorizou un OXM, por primeira vez en doce anos, o que permite o cultivo da pataca transxénica “Amflora”, desenvolvida por Basf.A Comisión Europea está avanzando na cuestión sobre os OXM, tratando de convencer aos estados membros de que a súa nova proposta lles ofrece a liberdade de prohibir os transxénicos se así o desexan. A verdade é que, unha vez estean autorizados pola Comisión, os OXM poderán venderse en calquera parte da Unión Europea, independentemente do que os estados membros teñan decidido a nivel nacional. A Comisión poderá, entón, impulsar moitas máis variedades modificadas xeneticamente a través dun proceso debilitado de autorización. É urxente reaccionar agora!Rexeitamos os cultivos transxénicos tanto para o cultivo, como para a importación e o uso na alimentación animal. A coexistencia de cultivos transxénicos e os non transxénicos é imposible, e os cidadáns e cidadás de Europa, os labregos e labregas e a sociedade civil teñen reiterado o seu rexeitamento ao cultivo, importación e venda de plantas modificadas xeneticamente e os seus derivados en Europa.

Facemos un chamamento para desenvolver accións simbólicas por parte da cidadanía e das organizacións da sociedade civil pedindo unha Europa libre de transxénicos.

As primeiras accións en Francia, España e Italia comezarán o 16 de outubro, co obxectivo de actuar en paralelo con iniciativas similares noutros países europeos o mesmo día.

Este é o primeiro paso dunha mobilización máis coordinada a escala europea contra os transxénicos, con moitos outros socios europeos que non puideron unirse a nós dende o comezo. O noso obxectivo é establecer unha coalición en Europa contra os OXM para responder á axenda actual e futura pro-OXM da Comisión Europea.

Europa ten que tomar unha decisión para o futuro: ou ben unha agricultura transxénica, coa conseguinte destrución da biodiversidade e un aumento dos custes ambientais e sociais; ou ben unha agricultura familiar sostíbel, co aumento da diversidade agrícola, a revitalización das zonas rurais e un medio ambiente libre de agrotóxicos.