A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Isabel Vilalba regresa da asemblea da FAO en Roma tras defender a agricultura labrega e sustentábel como solución á fame no mundo

Isabel Vilalba regresa da asemblea da FAO en Roma tras defender a agricultura labrega e sustentábel como solución á fame no mundo

15 de Outubro do 2010

Isabel Vilalba na FAO

A responsábel de Mulleres e de Soberanía Alimentaria do SLG, Isabel Vilalba, vén de regresar a Galiza tras botar cinco días en Roma participando na asemblea da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO). Vilalba foi parte activa do Foro da Sociedade Civil, que se desenvolveu do 9 ao 11 de outubro, en representación da Marcha Mundial das Mulleres e da Vía Campesina.

O 12 de outubro, a sindicalista do SLG formou parte dunha acción de denuncia da Vía Campesina e da Marcha Mundial das Mulleres no edificio da FAO contra o acaparamento de terras. Este fenómeno, cada vez máis común, consiste na compra ou expropiación de grandes masas de terra para que as multinacionais poidan explotar concesións mineiras ou facer monocultivos moi agresivos co medio ambiente, como aqueles dirixidos á produción de agrocarburantes. O roubo de terras é un fenómeno crecente que inclúe a expulsión das comunidades labregas das súas propiedades ancestrais, ou a desaparición da produtividade alimentaria a escala local para substituíla por alimentos exportados en zonas xa moi castigadas pola fame e a desnutrición. 

Isabel Vilalba na FAO 1

A maiores, Isabel Vilalba foi unha das relatoras na táboa redonda sobre a incidencia que ten a volatilidade dos prezos dos alimentos na fame e na vulnerabilidade de millóns de persoas en todo o mundo. Este debate tivo lugar onte, 13 de outubro, e estivo organizado polo Comité de Seguridade Alimentaria da FAO. Vilalba opúxose ás posicións que mantiñan que a fame é algo xestionable, pero inevitable; e tamén a aqueles países e organizacións que seguen a defender a liberalización, desregulación e especulación nos mercados agrarios, fenómenos que están detrás da volatilidade dos prezos dos alimentos. Para Vilalba “é absolutamente inmoral seguir con 1.000 millóns de persoas esfameadas no planeta e con perspectivas de que a cousa vaia a peor por factores como o cambio climático ou un aumento da volatilidade dos prezos dos alimentos. Non podemos aceptar que se continúe na mesma dirección, non podemos aceptar que non se tente atallar o problema da pobreza de raíz e que a loita contra ela se siga limitando a unhas poucas e insuficientes accións paliativas”. Como exemplo ilustrativo do devandito, Vilalba sacou a colación a crise alimentaria do ano 2008, cuxo factor máis determinante, sobre calquera outro, foi, precisamente, a volatilidade de prezos provocada pola especulación; ese mesmo ano, as industrias agroalimentarias e as multinacionais da distribución incrementaron notablemente os seus beneficios ao tempo que centos de millóns de persoas ficaban condenadas a pasar fame. 

A responsábel de Soberanía Alimentaria do SLG denunciou que o cambio de rumbo depende de decisións políticas, pois son decisións políticas as que permiten a especulación ou a desregulación dos mercados que están a provocan a volatilidade dos prezos dos alimentos e a ruína de millóns de labregos e labregas.

A solución proposta por Vilalba, en nome da Vía Campesina e da Marcha Mundial das Mulleres, é volver a pór a agricultura labrega e sustentable no centro da loita contra a fame e orientar as políticas cara á soberanía alimentaria dos pobos. Vilalba afirma que “necesitamos uns prezos xustos e estables para os produtores e produtoras de alimentos, e tamén para os consumidores e consumidoras, que cada vez pagan máis polos mesmos artigos”. Neste senso, Isabel Vilalba apuntou que “é absolutamente necesario regular o mercado e a produción agropecuaria, amais de acabar coas prácticas especulativas. A agricultura familiar e labrega é a que xera máis alimentos para a xente no mundo, e é un xeito de agricultura menos dependente de recursos enerxéticos e produtos químicos ca outros modelos a gran escala, polo que a súa promoción pode ser decisiva na loita contra a fame e para axudar a paliar o cambio climático”.