A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A veciñanza da parroquia de Cabanas (A Baña) acode ao Valedor do Pobo para denunciar o impacto económico e social do parque eólico de Vilamartiño

A veciñanza da parroquia de Cabanas (A Baña) acode ao Valedor do Pobo para denunciar o impacto económico e social do parque eólico de Vilamartiño

20 de Outubro do 2010

Valedor do Pobo

A Comisión de Afectados e Afectadas polo parque eólico de Vilamartiño, da parroquia de Cabanas (A Baña), mantivo hoxe, 20 de outubro, unha xuntanza co asesor do Valedor do Pobo para temas agrarios, José Ramón Cólera Leirado. A intención do encontro foi a de entregar no rexistro o conxunto das alegacións veciñais contra a construción do parque eólico, amais de explicarlle a problemática polo miúdo ao Valedor.

Afectad@s de Cabanas 

O proxecto do parque eólico de Vilamartiño afecta ás parroquias de Cabanas, Lañas, Marcelle e Barro, do Concello de A Baña; e ás parroquias de Rial e Coucieiro, de Val do Dubra.

 

No caso que nos ocupa, o da veciñanza de Cabanas, os impactos previstos pola instalación do parque poñen en perigo o medio de vida e o entorno do lugar. No prego de alegacións, denúnciase que parte do parque eólico se construirá sobre parcelas de uso agrogandeiro e forestal das que depende a actividade das explotacións da zona. Así, este proxecto enerxético entra en conflito directo cunhas explotacións que levan máis de trinta anos facendo investimentos de mellora, modernización, concentracións parcelarias, etcétera; e que supoñen a única actividade económica que mantén habitada e viva a zona.

 

Neste senso, existe o problema engadido de que hai parcelas de monte que recibiron axudas públicas para facer plantíos e que non poden allear nin alugar voluntariamente os terreos beneficiados -como acontecería se estes se cedesen ao parque eólico- xa que, de facelo, terían que devolver as axudas percibidas con xuros.

 

Outra das ameazas que se denunciou foi a que pende sobre os acuíferos existentes nos terreos afectados, varias fontes e mananciais de auga que abastecen á veciñanza e ás explotacións e que se verán irremediablemente afectadas debido a profundidade dos alicerces que sosterán aos aeroxeneradores e ás gabias que se escavarán para soterrar o cableado.

 

Finalmente, a veciñanza de Cabanas tamén denunciou unha absoluta falla de información da empresa Galinova, redactora do proxecto, e da Consellaría de Industria, para coa xente afectada.

 

Segundo reza o documento entregado ao Valedor do Pobo, “a instalación do parque eólico supón unha agresión directa ao xeito de vida e ao desenvolvemento da zona”. Por este motivo, e por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego puxo os seus servizos xurídicos ao servizo da Comisión de Afectados e Afectadas polo parque eólico de Vilamartiño para tentar paralizar o que, a todas luces, supón un atentado contra o futuro da parroquia de Cabanas e do seu sostemento económico e social.