A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Consellaría de Medio Rural volve deixar na estacada ás explotacións afectadas polos danos da fauna salvaxe

A Consellaría de Medio Rural volve deixar na estacada ás explotacións afectadas polos danos da fauna salvaxe

21 de Outubro do 2010

Ataque do lobo

A dirección xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellaría de Medio Rural, incluirá tan só 28.000 € na partida destinada a cubrir as axudas destinadas a prevención de ataques da fauna salvaxe.

O numero de explotacións que van poder desenvolver medidas de protección ascenden a 23, cantidade irrisoria en comparación cos ataques da fauna salvaxe que sofren as explotacións agropecuarias galegas (e iso que non se rexistran todos os ataques producidos, debido a que a xente afectada non denuncia diante da complexa tramitación burocrática que hai que seguir e a baixa contía das axudas). Esta situación leva a que, estatisticamente, figure tan só unha parte dos ataques que se producen, feito que provoca que se reduzan aínda máis as partidas orzamentarias para esta fin.

 

Para o Sindicato Labrego Galego, a partida orzamentaria destinada por Conservación da Natureza é manifestamente insuficiente, xa non só polas poucas explotacións que ser verán amparadas nunha problemática que afecta ao país enteiro; senón porque estas subvencións deberían ser a fondo perdido e cubrir os custes totais das medidas protectoras para que non supuxesen ningún custe para ás explotacións, que non teñen ningunha culpa dos estragos ocasionados pola fauna salvaxe.

Ataque lobo 2 

 

Sen dúbida, o problema de fondo do que deriva esta situación é que nin a Xunta, en xeral, nin as áreas de Medio Ambiente e Medio Rural, en particular, están a apostar por unha ordenación real do territorio que dea prioridade e protexa os usos ancestrais do medio rural e, a maiores, posibilite a convivencia entre as actividades agrogandeiras e forestais, por unha banda, e a fauna salvaxe, por outra.

 

A pesares de que a responsábel de Medio Ambiente, Terra e Montes do SLG, Charo Sánchez Parga, mantivo un encontro co director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo Borregón, no mes de febreiro; e a pesares de terlle presentado unha batería de propostas para solucionar a problemática devandita, esta organización agraria non recibiu outra resposta que a raquítica partida orzamentaria que se destinará para paliar un problema que está a poñer en xaque moitas explotacións do país que, dada a crise de misérrimos prezos que sofren o meirande dos sectores produtivos, verán seriamente ameazada a súa viabilidade. 

 

A sociedade que goza do medio ambiente debe ser consciente da contribución que realizamos os labregos e as labregas ao mantemento das zonas rurais. Ao ser o patrimonio natural un ben de todos e de todas, a responsabilidade do súa mantenza e conservación debe recaer sobre o conxunto da sociedade. É imprescindible que os labregos e as labregas sintamos plenamente o apoio e o recoñecemento da sociedade. Para o SLG, compete á Administración Pública a maior responsabilidade neste terreo, xa que teñen nas súas mans dúas ferramentas para marcar o rumbo que a sociedade debe emprender nesta cuestión: capacidade normativa e competencias de xestión. 

 

Nembargante, a Consellaría de Medio Rural, na problemática dos danos da fauna salvaxe sobre as explotacións agropecuarias, deixa ao colectivo labrego nunha situación de desamparo e soidade que afonda na tendencia ao abandono da actividade agraria e dos espazos rurais o que, a maiores, agudiza no feito de que a fauna salvaxe estea chegando ás nosas parroquias e aldeas, resultando máis doado o seu acceso ás  explotacións.