A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Sindicato Labrego, Alto Támega e Frouma dan a coñecer o cultivo e silvicultura do castiñeiro en Laza

Sindicato Labrego, Alto Támega e Frouma dan a coñecer o cultivo e silvicultura do castiñeiro en Laza

27 de Outubro do 2010

Castaña

O Sindicato Labrego Galego e Frouma, coa colaboración da Asociación Cultural Alto Támega, están a desenvolver en Laza unhas xornadas formativas baixo o título de “O castiñeiro para produción de froito”.

A primeira das xornadas desenvolveuse no salón de actos da Comunidade de Montes de Laza, Cimadevila e Souteliño, na pasada fin de semana, e congregou a máis de trinta persoas interesadas polo cultivo e silvicultura do castiñeiro co obxectivo principal de producir castaña. Durante o evento analizáronse distintos aspectos do manexo do castiñeiro, dende a plantación ata as distintas variedades de castañas, pasando polos tratamentos silvícolas e as prácticas fitosanitarias, así como os métodos de recuperación de soutos abandonados, sen esquecer o uso de plantas micorrizadas que compatibiliza o crecemento dos castiñeiros coa produción de cogomelos. Para isto, desenvolveuse unha parte práctica na que se contou coa experiencia de Xosé Manuel Guerra, membro da Asociación de Cooperación ao Desenvolvemento dos Soutos “A Castaña” de A Gudiña e vogal do Consello regulador da IXP “Castaña de Galicia”.

No xantar, @s asistentes puideron compartir e discutir experiencias persoais sobre o manexo dos soutos, axudando a conxugar ciencia e tradición para tentar acadar un maior progreso da multifuncionalidade dos nosos montes, que contribúa a un meirande desenvolvemento rural.

Esta actividade continuará cunha segunda xornada práctica de poda e enxerto, que se celebrará na época de podar (durante o inverno), na que se porán en práctica algunhas das técnicas debulladas na primeira toma de contacto.

Xornadas Castiñeiro Laza