A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG oponse a unha reforma da PAC que obvia as principais carencias da agricultura europea: regulación de mercados e prezos dignos para os produtos labregos

O SLG oponse a unha reforma da PAC que obvia as principais carencias da agricultura europea: regulación de mercados e prezos dignos para os produtos labregos

22 de Novembro do 2010

PAC 2013

Diante do documento emitido hoxe pola Comisión Europea no que se marcan as que serán as liñas mestras da reforma da Política Agraria Común (PAC) prevista para o 2013, o Sindicato Labrego Galego quere expresar a súa decepción. A pesares de que a proposta da Comisión contén melloras con respecto á PAC actual (na distribución dos pagamentos directos, por exemplo); e de que aborda problemas como a seguridade alimentaria, a biodiversidade, o cambio climático ou o mantemento dos territorios rurais; a reforma que nos propoñen esquece atacar de raíz as causas que fan que o mundo rural e todos os sectores produtivos agropecuarios estean nunha crise permanente.

Para o Sindicato Labrego Galego, o principal problema que ten a agricultura na Unión Europea é a teima con liberalizar os mercados agrarios e deixalos baixo a lei do máis forte, neste caso, a lei das corporacións agroalimentarias e da gran distribución. A reforma da PAC que nos propoñen non regula as relacións comerciais entre os labregos e labregas e as industrias, nin regula as producións. O resultado de continuar cunha PAC nestes termos coñecémolos de abondo: prezos agrarios á baixa, miles de millóns do erario público para que os labregos e as labregas poidan sobrevivir malvendendo o produto do seu traballo a prezos por baixo dos custes de produción, e as multinacionais e grandes distribuidoras da alimentación amasando beneficios millonarios grazas aos nosos impostos e ao esforzo das explotacións. Unha fórmula perfecta para que na Unión Europea, e na Galiza, continúen pechando miles de explotacións e se desertice aínda máis o medio rural.