A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG pide seriedade e compromiso ao Ministerio de Agricultura para solucionar o problema da cotitularidade para máis de 35.000 labregas galegas

O SLG pide seriedade e compromiso ao Ministerio de Agricultura para solucionar o problema da cotitularidade para máis de 35.000 labregas galegas

22 de Novembro do 2010

Secrataría das Mulleres

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego quere amosarse cautelosa diante do anuncio feito polo Ministerio de Agricultura de crear un grupo interministerial de cara a elaborar o novo marco legal que recoñeza, por fin, a cotitularidade compartida para as mulleres labregas nas explotacións agrarias. Trátase dunha demanda histórica do SLG que, por primeira vez, tras décadas de reclamacións, semella que podería ter  resposta se o Ministerio de Agricultura se toma esta tarefa cunha seriedade e un compromiso dos que non fixo gala ata o de agora.

A pesares das demandas reiteradas do SLG nos últimos anos, e a pesares de que a Lei de Igualdade do 2007 e a Lei para o Desenvolvemento Rural Sostible incidían na necesidade de regular a cotitularidade nas explotacións, só houbo un tímido intento de levalo a cabo co Decreto 297 / 2009, a todas luces insuficiente e ante o que o Sindicato Labrego presentou varias alegacións: ao ser un decreto, non afectaba ás normas de rango superior; e a única medida que propiciou foi a creación dun rexistro das mulleres que traballaban nas explotacións de carácter moi limitado, tanto que aínda hai hoxe comunidades autónomas que non rexistraron nin un só nome.

Agora, e baseándose nun informe do Consello de Estado no que se recollen as demandas da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego, o Ministerio pon en marcha unha comisión interministerial que traballará para legalizar a cotitularidade, e pide a colaboración das organizacións agrarias para acadar éxito no proceso. Dende a Secretaría das Mulleres do SLG vemos este como un paso positivo e ofrecémonos a colaborar para que o proceso chegue a bo porto. Un paso positivo, pero tamén necesario, pois só na Galiza hai máis de 35.000 mulleres que, hoxe en día, teñen o seu medio de vida e o seu traballo en explotacións agrarias sen poder ter ingresos económicos propios, sen poder realizar ningún tipo de xestión laboral e sen dereitos recoñecidos na explotación ao non poder figurar como titulares xunto ao seu cónxuxe.