A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Os grandes poderes poderán seguir extorsionando aos produtores e produtoras de leite grazas á complicidade de Rosa Aguilar

Os grandes poderes poderán seguir extorsionando aos produtores e produtoras de leite grazas á complicidade de Rosa Aguilar

3 de Decembro do 2010

Inlac

A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, participou, o 2 de decembro, nunha reunión da Interprofesional Láctea (Inlac) en Compostela, na que se lle encargou á Universidade de Santiago a elaboración dun sistema de indexación de prezos para o leite, o cal se enmarca no borrador de decreto que o Ministerio de Agricultura presentou ás organizacións agrarias, o pasado 30 de novembro, para o establecemento de condicións de contratos obrigatorios no sector leiteiro.

Este decreto, en función do que hoxe encargou a Inlac o sistema de indexación, evidencia que a actual Ministra de Agricultura, Rosa Aguilar, non ten ningún interese por protexer aos produtores e produtoras de leite da extorsión a que os levan sometendo, historicamente, as industrias e as grandes distribuidoras.

Se no decreto que regulará os contratos non se emprega un índice que contemple un prezo mínimo -que cubra custes de explotación e salario-, estes contratos seguirán sendo unha fraude para o sector produtor e seguirán levándonos á ruína.

A secretaria xeral do SLG advertiu que “se o Ministerio segue apostando por impoñernos contratos sen prezo, significa que será o mercado o que nos marque o valor do leite. Se a isto se lle engade a obrigatoriedade de asinar o contrato para percibir axudas da PAC, entón os produtores e produtoras non imos ter nin prezos nin axudas, o cal significará que seguirán pechando, paulatinamente, miles de explotacións; máxime cando na nova Política Agraria Común se está trazando un escenario no que se nos propón o desmantelamento do control da produción e, polo tanto, calquera mecanismo que garanta un equilibrio entre a oferta e a demanda, o que suporá caídas aínda maiores dos prezos no sector”.

Carme Freire non aforrou críticas cara á nova Ministra de Agricultura, a cal, a pesares de presentarse como dialogante, vai avalar a creación dun contrato obrigatorio para o leite, a partir do 1 de xaneiro, “que o único que garante é a escravitude forzada dos produtores e produtoras a mans das grandes industrias e distribuidoras e, por extensión, a súa escravitude ao mercado”. 

Carme na Inlac