A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG esixe a convocatoria e pagamento de varias liñas de axuda do Programa de Desenvolvemento Rural 2007-2013

O SLG esixe a convocatoria e pagamento de varias liñas de axuda do Programa de Desenvolvemento Rural 2007-2013

6 de Xuño do 2011

Ana Rodríguez e Carme Freire

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, e a responsábel de Desenvolvemento Rural na mesma organización, Ana Rodríguez, ofreceron, o 6 de xuño, unha rolda de prensa para denunciar o impago, atraso e posible desaparición de numerosas axudas vinculadas ao Programa de Desenvolvemento Rural 2007-2013 (PDR). 

O PDR 2007-2013 é un programa que ten unha dotación consignada e aprobada de 1.532.372.562 € para a totalidade do período que abarca. Deses cartos, o 58% vén do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural “Feader” (888.801.564 €); mentres que o 42% restante (643.570.998 €) póñeno a Xunta e o Estado a partes máis ou menos iguais. 

A pesares de que os cartos están consignados e orzamentados, existen numerosas liñas de axudas do PDR 2007-2013 que aínda non se convocaron neste ano, ou que, mesmo, a pesares de ter sido convocadas, levan sen aprobarse e sen abonarse dende o ano 2010. Mesmo hai explotacións que teñen axudas pendentes de cobro dende 2009.  Vexamos algúns exemplos:

  • Axudas agroambientais (medida 214): a última convocatoria foi en 2010. A pesares das promesas da Consellaría de Medio Rural, a día de hoxe, esas axudas seguen sen estar aprobadas e, polo tanto, pendentes de ser cobradas polas persoas que as solicitaron. Mesmo hai algunhas explotacións que aínda non cobraron as axudas de 2009.
  • Apoio aos agricultores que participan en programas de calidade dos alimentos (Medida132):  as axudas aprobadas no ano 2010 e publicadas no DOG nº 224 do luns 22 de novembro de 2010 están sen pagar. Aínda non se convocaron as axudas do 2011.
  • Axudas para as inversións en transformación e comercializacion de produtos agrarios (medida 123): Non se convocaron aínda.
  • Actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada (medida 133): Redución drástica das partidas orzamentarias. Hai consellos reguladores que recibían 200.000 euros e que agora van recibir só 60.000.
  • Sevizos de asesoramento ás explotacións (medida 114): Na última convocatoria houbo unha forte rebaixa da contía destinada a esta axuda. Na convocatoria de 2008 dábanse 1.380 euros por explotación, e en 2010 deuse pouco máis de 900 euros por explotación.
  • Axudas a entidades de aconsellamento (medida 115): Rebaixa importante das axudas.
  • Axudas a primeira repoboación forestal en terras non agrarias e fomento de frondosas caducifolias (medida 223): Están sen convocar aínda as axudas do 2011.
  • Promoción da multifuncionalidade do monte (medida 227): Non se convocan dende 2008.

No contexto actual de custes de produción en constante ascenso (electricidade, gasóleo, pensos, abonos e fertilizantes, sementes, etcétera), e cos prezos agrarios estancados ou á baixa, a viabilidade económica de miles de explotacións na Galiza depende de axudas como as devanditas. A total falla de transparencia da Consellaría de Medio Rural fai que, a día de hoxe, non se saiba se moitas delas van ser convocadas ou non. No mellor dos casos, aínda que se convoquen despois do verán, estaremos falando de axudas que, entre cumprimento de prazos e outros trámites, non poderán ser cobradas, con sorte, até finais do ano 2012, co conseguinte prexuízo para as explotacións.

A responsábel de Desenvolvemento Rural do SLG, Ana Rodríguez, dixo non entender “o problema que hai para non convocar nin pagar unhas axudas que xa teñen asignados fondos económicos e que deberían estar sendo convocadas con normalidade”. Por iso, o Sindicato Labrego Galego esixiu da Consellaría de Medio Rural:

  • A convocatoria inmediata das axudas do ano 2011 que estean sen convocar.
  • O pagamento inmediato das axudas do 2009 e  2010 que estean sen aboar.
  • Transparencia na xestión dos fondos do PDR 2007-2013 e información para que as explotacións poidan saber a que aterse.

Ana Rodríguez advertiu que “o Sindicato Labrego Galego vai fiscalizar o PDR 2007-2013 para que non quede nin un céntimo sen gastar, e para que non se desvíen fondos cara a outros fins que non teñan que ver coa agricultura”.

Ana Rodríguez e Carme Freire 

Ficheiro adxunto