A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Sindicato Labrego insta a Medio Rural a solucionar as deficiencias no servizo de identificación do gando

O Sindicato Labrego insta a Medio Rural a solucionar as deficiencias no servizo de identificación do gando

23 de Xuño do 2011

Becerro identificado

O Sindicato Labrego Galego ten que volver denunciar, unha vez máis, o colapso do servizo de identificación do gando habilitado pola Consellaría de Medio Rural a través do teléfono 012.

A finais do ano pasado, Medio Rural cambiou o funcionamento do sistema de identificación e rexistro do gando, que pasaba a poder facerse a través da oficina virtual da web da Consellaría. Nembargante, tal e como predixo o SLG, a case inexistencia de Internet no rural acabou facendo que a xestión telefónica, a través do teléfono 012, fose a máis demandada para comunicar altas e baixas de reses, pedir duplicados de crotais, etcétera.

Actualmente, a liña do 012 está totalmente saturada. Cando un gandeiro ou unha gandeira chaman para facer unha xestión, o normal é que necesite varias horas de intentos e, moitas veces, nin así dá conseguido establecer contacto. Por se non abondase, e ao contrario do que acontece coas xestións a través de Internet, este número non é gratuíto, polo que a identificación dun becerro pode resultar cara.

Dende o SLG temos solicitado á Consellaría de Medio Rural que traballe de cara a facer que este teléfono administrativo teña un funcionamento eficiente, xa que o 012 é case o único xeito que ten a xente de facer os rexistros de movementos do gando. Mais lonxe de atender ás demandas do SLG, a Consellaría de Medio Rural segue con esta liña telefónica colapsada pola saturación de chamadas, provocando a desesperación dos e das titulares das explotacións gandeiras e, mesmo, deixándoos e deixándoas, moitas veces, en situación de ilegalidade por non conseguir comunicar os movementos de reses nos prazos establecidos.

Dende o Sindicato Labrego Galego instamos, de novo, a que a Consellaría de Medio Rural remedie a curto prazo este problema, agardando que non sexa, tal e como nos tememos, a consecuencia dun novo recorte de servizos públicos coma outros cos que xa nos ten afeitos o Goberno Galego nos últimos anos.