A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A seca dispara os gastos nas explotacións de vacún e ameaza as colleitas de pataca e cebola en Galiza

A seca dispara os gastos nas explotacións de vacún e ameaza as colleitas de pataca e cebola en Galiza

13 de Xullo do 2011

Millo seco

Ao incremento continuado dos custes que están a sufrir as explotacións agrogandeiras de toda Galiza (butano, gasóleo, electricidade, pensos, abonos, etcétera) vanse unir este verán as perdas provocadas pola seca. O mes de xuño resultou ser un dos máis secos da década, con rexistros como os das estacións meteorolóxicas de Lugo, con 1'8 litros/m² en 2011 fronte aos 123'8 litros/m² do 2010; de Verín, con 4'2 litros/m² en 2011 fronte aos 90'5 litros/m² do 2010; ou Mabegondo (A Coruña), con 12'6 litros/m² en 2011 fronte aos 117 litros/m² do 2010).

O impacto fundamental da escasa choiva caída nos últimos meses estase vendo reflectido na segunda corta de herba para ensilar, con diminucións de até o 50% en moitas explotacións; na imposibilidade de facer pastoreo ao aire libre no meirande de praderías, que están secas dende hai máis dun mes; e no perigo de perder a colleita de millo forraxeiro, que é a fonte de alimentación de gando que dá máis materia seca dixerible por hectárea.

Deste xeito, as explotacións de carne e leite veranse na obriga de mercar a alimentación para o seu gando fóra. Os gandeiros e gandeiras están facendo compras de alfalfa a uns 215€/tonelada, e de palla a uns 78€/tonelada. O penso aínda é máis caro. Para unha gandería media de 35 vacas de carne, o gasto a maiores para alimentar a facenda será duns 6.000 euros. Para unha gandería media con 37 vacas de leite, o gasto a maiores ascenderá a uns 8.000 euros .

Posto que, tanto o sector da carne de vacún como o lácteo, nunca conseguen que os maiores custes de produción se vexan compensados por un maior prezo de venda, estes novos custes extraordinarios provocados pola seca fará minguar de xeito dramático as maltreitas rendas das nosas explotacións

Perdas do 60% en pataca e do 50% en cebola

Os cultivos hortícolas tamén se van ver seriamente afectados por mor da seca, especialmente aqueles que, pola súa extensión, carecen de regadío e dependen da choiva para saír adiante. Neste senso, o cultivo máis afectado será o da pataca. Mentres que a sementeira de marzo está saíndo para adiante, vaise perder boa parte da pataca sementada en abril, que ás penas logrou xermolar pola falla de precipitacións. A maiores, a cebola vai ver moi minguado o seu tamaño e peso por mor da seca, o que se traducirá nunha considerable mingua da produción que, segundo as zonas, chegará ao 50%.

Na bisbarra da Limia, onde as explotacións de pataca contan con modernos sistemas de regadío, van ver incrementados notablemente os gastos de gasóleo, electricidade e fitosanitarios, con custes adicionais que roldarán os 4.000 euros en explotacións medias cunhas 15 hectáreas de cultivo, e de 8.000 euros para as explotacións máis grandes nas que se cultivan unhas 30 hectáreas.

O SLG esixe axudas directas para paliar as perdas pola seca nas explotacións

Diante da difícil situación pola que están a atravesar as explotacións agrarias e gandeiras de Galiza, o Sindicato Labrego Galego esixe da Consellaría de Medio Rural, de xeito inmediato, a creación dunha liña de axudas directas destinadas a paliar as perdas producidas pola seca nos diversos sectores.

A maiores, e máis a longo prazo, para o SLG é necesario empezar a aplicar en serio, desde os distintos gobernos, políticas destinadas a diminuír a emisión de gases con efecto invernadoiro, que están provocando cambios no clima que resultan catastróficos para o medio ambiente e para a produción de alimentos en todo o mundo, incluída Galiza. Neste contexto, faise tamén necesario darlle un cambio de rumbo á políticas agrarias actuais, totalmente baseadas nun consumo enerxético e químico masivo e culpable dunha parte importante das emisións de CO² á atmosfera, e apostar por un modelo agrícola máis centrado nos mercados locais, na venda directa, no consumo de produtos de tempada, e en labores culturais respectuosos co medio ambiente e coa saúde das persoas.