A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Sindicato Labrego Galego acláralle á Consellaría de Medio Rural que segue en contra da OCM do leite

O Sindicato Labrego Galego acláralle á Consellaría de Medio Rural que segue en contra da OCM do leite

14 de Xullo do 2011

Lupe Prado e Xabier Gómez Santiso

O Sindicato Labrego Galego quere aclarar o seu posicionamento no sector lácteo diante das declaracións públicas feitas pola Consellaría de Medio Rural tras o encontro mantido onte, 13 de xullo, para falar da aplicación das medidas do “paquete lácteo” que a nova Organización Común de Mercado (OCM) traerá a Galiza. 

Nun comunicado oficial, o departamento que dirixe Samuel Juárez di que “A Consellería do Medio Rural e as principais organizacións profesionais agrarias galegas unen os seus esforzos para urxir á Unión Europea a inmediata publicación do chamado “Paquete lácteo”, un conxunto de medidas legais que, de xeito resumido, posibilitarán a modificación do regulamento da Organización Común de Mercado (OCM) única, para incluír a obriga dos contratos, a mellora da capacidade de negociación a través das organizacións de produtores e que se mellore a transparencia da cadea de valor do leite”.
O Sindicato Labrego Galego opúxose, dende o principio, a medidas como a obriga de asinar contratos sen prezo, ou a destrución da negociación colectiva no sector leiteiro que supón a creación das organizacións de produtores (OPL). O Sindicato Labrego Galego defendeu e defenderá que os contratos só se asinen cando garantan un prezo digno que cubran os custes e o traballo das explotacións leiteiras; e que a negociación dos prezos se faga no seo dunha interprofesional na que estean representados todos os axentes do sector (organizacións agrarias, industria, distribución, e consumidores e consumidoras, cumprindo a Administración funcións de arbitraxe). Ademais, para o Sindicato Labrego Galego, as medidas do “paquete lácteo” (contratos sen prezo, organizacións de produtores...) non van solucionar a crise estrutural que padece dende hai décadas o sector lácteo. Para iso, cómpren medidas de máis fondo calado, como un control da produción que equilibre a oferta e a demanda, e a regulación pública dos mercados.

Aclarado o devandito, o Sindicato Labrego Galego admitiu traballar en común coa Consellaría, as cooperativas e as outras organizacións agrarias polo interese do sector e dentro do marco legal establecido e das normas que se impuxeron dende a Unión Europea e dende o Ministerio e a Consellaría de Medio Rural, e así o expresou na xuntanza de onte, sen que isto supoña renunciar a ningunha das reivindicacións devanditas.

 

Segundo declaracións do coordinador dos sectores gandeiros no SLG, Xabier Gómez Santiso, que participou no encontro de onte en Medio Rural xunto á responsable do sector lácteo nesta organización agraria, Lupe Prado, “o Sindicato Labrego non está de acordo coa OCM do leite nin pensa que o sistema de contratos sexa xusto ou que vaia solucionar os seus problemas. Tampouco cremos que as organizacións de produtores deban ser as que negocien os prezos do leite. Pero, xa que o marco lexislativo nos obriga a que as negociacións no sector lácteo sexan feitas exclusivamente polas OPL, participaremos nese xeito de funcionar apostando por unha OPL galega”.