A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Sindicato Labrego esixe a retirada de sancións en Rías Baixas e advirte de irregularidades no control desta D.O.

O Sindicato Labrego esixe a retirada de sancións en Rías Baixas e advirte de irregularidades no control desta D.O.

12 de Agosto do 2011

Albarinho

Despois do anuncio da Consellaría de Medio Rural de impoñer novas sancións na denominación de orixe Rías Baixas polos excesos de rendementos, referentes á pasada colleita 2010, no Sindicato Labrego Galego manifestámonos contrarios á aplicación destas sancións. Así llo fixemos saber, en relación ás sancións da campaña 2009, tanto ao órgano de control da denominación de orixe, como ao presidente do consello regulador e á propia Consellaría de Medio Rural.

O Sindicato Labrego Galego remitiulle a estes tres organismos unha comunicación na que facían constar varias irregularidades que deberían ser solucionadas antes de proceder a sancionar por excesos. Trátase de irregularidades atribuíbles a deficiencias que son responsabilidade tanto do órgano de control, como do consello regulador e da Consellería de Medio Rural; irregularidades que, no meirande dos casos, poderían ser o motivo polo que existe exceso de rendementos.

As irregularidades denunciadas polo Sindicato Labrego Galego nos controis da denominación de orixe Rías Baixas son as seguintes:

  1. O censo vitícola que manexa a Consellería de Medio Rural non se corresponde co censo vitícola que manexa o consello regulador, que á súa vez non coincide co catastro de rústica.
  2. Cada viticultor e viticultora ten unha tarxeta electrónica que, de facer un bo uso dela, non debería permitir a entrada en bodega de un quilogramo máis de uvas do que ten asignado cada titular. Ademais, a tarxeta debería estar en poder do seu titular e este debería ter que identificarse co DNI cada vez que deixa as súas uvas nunha adega. Sen embargo, a realidade é que o órgano de control permite, de xeito irregular, que sexa a adega quen teña as tarxetas depositadas o tempo que dure a vendima.
  3. O consello regulador debería facer un control en campo previo á vendima, co fin de velar pola calidade e determinar cales son as parcelas que poden ter un exceso, cal é o motivo deste exceso, e facer recomendacións previamente; en lugar de propoñer sancións a posteriori e sen facer nada para prever a situación.

Estes desaxustes que denunciamos non son atribuíbles aos viticultores e viticultoras, polo que no Sindicato Labrego Galego non imos permitir que paguen os produtores e produtoras polo mal funcionamento da administración e do consello regulador de Rías Baixas.En caso de manterse as sancións, o Sindicato Labrego Galego non desbota a vía xudicial para defender os intereses dos viticultores e viticultoras de Rías Baixas.