A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Consellaría de Medio Rural deixa desamparadas ás explotacións agrogandeiras galegas diante dunha das peores secas dos últimos anos

A Consellaría de Medio Rural deixa desamparadas ás explotacións agrogandeiras galegas diante dunha das peores secas dos últimos anos

19 de Agosto do 2011

Millo seco

A mediados de xullo, o Sindicato Labrego Galego erguía a voz de alarma diante do tremendo impacto que a seca dos últimos meses está a ter nas explotacións agrogandeiras galegas. Daquela, o SLG reclamaba da Consellaría de Medio Rural a creación dunha liña de axudas directas destinadas a paliar as perdas producidas pola seca nos diversos sectores de maneira inmediata.

Sen embargo, e a día de hoxe, non houbo resposta por parte da Consellaría de Medio Rural. Nin sequera unha declaración institucional, e moito menos a activación de medidas para minguar a situación crítica pola que están a atravesar as explotacións. Diante desta falta de reacción, no Sindicato Labrego deducimos que a decisión do departamento que dirixe Samuel Juarez foi, unha vez máis, a de abandonar aos labregos e labregas á súa sorte ante unha das peores crises que están a sufrir todos os sectores agrarios e gandeiros de maneira xeneralizada en toda Galiza. Por iso, o Sindicato Labrego esixe que, de xeito inmediato, a Consellaría de Medio Rural dea unha resposta efectiva e urxente a esta problemática que, necesariamente, deberá traducirse en axudas directas que atenúen a forte perda de rendibilidade que están a padecer as nosas explotacións.