A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Presentadas case 700 alegacións contra os proxectos mineiro de Erimsa na Terra Chá

Presentadas case 700 alegacións contra os proxectos mineiro de Erimsa na Terra Chá

30 de Agosto do 2011

Entrega de alegacións en Cospeito

Despois de que a Comisión contra as Minas na Terra Chá presentase, ante o Concello de Cospeito, case 500 alegacións contra os proxectos de explotación de cuarzo de Erimsa “Alicia 5917” e “Karles 5519” (na imaxe); e tras rexistrar outras 150, o 30 de agosto, no Concello da Pastoriza en contra das explotacións “Alicia 5917” e “Pastoriza 5562”, o Sindicato Labrego Galego ten que valorar como moi boa a resposta da veciñanza. Cómpre ter en conta que o período de alegacións se abriu no peor mes do ano, agosto, por mor da ralentización da actividade administrativa nos concellos e polo aumento considerable dos traballos agrarios, o cal dificulta a presentación de alegacións por parte das explotacións agropecuarias afectadas.

A pesares da pouca idoneidade das datas, as familias e explotacións agrarias afectadas polos proxectos mineiros de Erimsa responderon de xeito contundente para defender e salvagardar os seus dereitos.

Recentemente, o Concello de Cospeito recuou na súa negativa de ampliar o prazo de alegacións, e decidiu aumentalo en dez días, tal e como lle pediu o Sindicato Labrego Galego, que agarda tamén a mesma resposta por parte do Concello da Pastoriza. É por iso que, dende o SLG, animamos a todas as persoas e explotacións agrogandeiras cuxas terras estean afectadas polas minas de Erimsa, a que sigan presentando alegacións contra uns proxectos que, a todas luces, serán unha sentenza de morte para o territorio e as producións agropecuarias da Terra Chá de levarse a cabo.

Resposta do SLG a Erimsa

Paralelamente á entrega de alegacións, a empresa Erimsa acudiu aos medios de comunicación para defender as “bondades” da extracción de cuarzo, diante do cal o Sindicato Labrego Galego respondeu que a extracción de cuarzo resultará ruinosa para as actividades agrarias e gandeiras, un dos principais motores económicos do medio rural chairego, é unha evidencia que non sostén só o Sindicato Labrego Galego. Sábeno os gandeiros e gandeiras da comarca, e sábeno expertos en xeoloxía como Xoán Ramón Vidal Romaní, director do Instituto de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, que ten desaconsellado as explotacións de Erimsa na Terra Chá polo enorme impacto económico e ecolóxico que terían.

Para poder explotar o cuarzo da Terra Chá, Erimsa terá que remexer toda a terra onde realice a súa actividade, coa perda de consistencia dos terreos e provocando un descenso do seu nivel debido á extracción de mineral. Nunha bisbarra como a da Terra Chá, con zonas que teñen tendencia a inundarse cada ano, durante meses, a explotación de cuarzo suporía a ruína para sempre das praderías e leiras onde se faga a extracción. En efecto, e ao contrario das explotacións que ten Erimsa noutras partes de Galiza, na Terra Chá, se lles rebaixan só un mínimo o nivel aos terreos en parroquias como Xustás ou Goá, estes ficarán convertidos en lagoas boa parte do ano, e mesmo se cambiará o curso dos ríos. Un bo exemplo práctico disto témolo nas obras de regadío do Arneiro, nas que se remexeron as terras sen que houbese actividade extractiva e que, polo tanto, non tiveron o impacto que terán as explotacións de Erimsa. O resultado foi que, nas terras afectadas polas obras de regadío (as que se escavaron para enterrar as canalizacións) as colleitas de millo que se apañan hoxe son só a metade con respecto ás que se colleitaban antes das obras.

Polo tanto, de pouco servirá que Erimsa cree trinta postos de traballo se vai destruír moitos máis; en concreto, todos os que dependen directa e indirectamente das explotacións agrogandeiras afectadas. Nin sequera compensarían os misérrimos alugueres que paga a empresa (o valor da produción dunha leira de millo por hectárea e ano), pois as explotacións que padecesen a actividade extractiva nas súas terras, a parte de velas arruinadas, poderían perder as axudas da Política Agraria Común ese ano por manter os terreos improdutivos.

Se a actividade extractiva de cuarzo é tan beneficiosa para a comarca da Terra Chá e para as explotacións agrogandeiras, ¿por que recorre Erimsa á expropiación forzosa das terras? ¿Por que non chega a acordos amigables coas persoas propietarias das terras se o aluguer vai ser tan positivo para elas? Para o Sindicato Labrego Galego a resposta é clara: a explotación de cuarzo na Terra Chá significará a destrución do patrimonio que familias labregas levan coidando durante séculos, xeración tras xeración, e do que vive boa parte desta bisbarra dende tempo inmemorial. E iso sábeo Erimsa, sabémolo nesta organización agraria, e sábeno os gandeiros e gandeiras que, aínda hoxe, e a pesar dos malos tempos que corren para o medio rural, seguen apostando con orgullo pola terra como un medio de vida digno para eles e para os seus fillos e fillas. Por iso, dende o SLG, seguiremos opoñéndonos frontalmente á extracción de cuarzo na Terra Chá, sexa por Erimsa ou sexa por calquera outra empresa, pois están en xogo a actividade agrogandeira e o futuro da comarca.

Entrega de alegacións en Cospeito