A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Sindicato Labrego Galego en contra dunha reforma da Constitución que suporá o desmantelamento dos poucos servizos públicos que quedan no medio rural

O Sindicato Labrego Galego en contra dunha reforma da Constitución que suporá o desmantelamento dos poucos servizos públicos que quedan no medio rural

30 de Agosto do 2011

Non hai imaxe

O Sindicato Labrego Galego manifesta a súa oposición ao acordo acadado entre o PSOE e o PP para limitar, desde a Constitución Española, o déficit e a débeda pública, tanto polo contido como polas formas en que o fixeron.


En primeiro lugar, parécenos totalmente antidemocrático introducir unha reforma de tal calado do xeito que pretenden facelo. A democracia non consiste só en votar cada catro anos; consiste tamén en dar participación e voz á cidadanía; en deixarnos a capacidade real, como electores e como electoras, de poder depositar o noso voto, se así o consideramos, en favor de alternativas que queiran mudar o sistema, apostando por políticas a favor da cidadanía e non do capital especulativo, como sucede na actualidade.

Este acordo supón darlle rango constitucional ao neoliberalismo, que como podemos recordar, xa era o obxectivo trazado na Constitución Europea, motivo polo que foi rexeitada amplamente pola cidadanía francesa. Se cadra, este é o precedente que anima a PP e a PSOE a atreverse coa reforma da Constitución deste xeito, evitando o debate e o pronunciamento da cidadanía a través dun referendo, nun momento no que o nacemento do 15 M pon de manifesto unha conciencia cada vez maior en contra dos impactos destas políticas.

Estamos falando dunha reforma de parte, dunha reforma que só lle interesa aos gurús do capitalismo especulativo (banca e grandes compañías transnacionais), e que consiste en limitar o gasto público e a débeda pública. Esta reforma vai significar unha forte redución das prestacións sociais e dos servizos públicos, o cal favorecerá o negocio privado nas pensións, na educación, na sanidade, na atención ás persoas con dependencia, etcétera, provocando un endebedamento aínda maior nas familias, un empobrecemento xeneralizado das clases populares, e un risco de maior exclusión social dos sectores máis empobrecidos da sociedade.

No SLG entendemos que esta reforma da Constitución é tremendamente negativa para as clases populares en xeral, pero que vai selo especialmente para o medio rural galego: un medio rural no que os servizos públicos xa son menores; un medio rural no que xa vimos soportando os efectos e os impactos da privatización dos servizos de atención ás explotacións; un medio rural cunha poboación dispersa e moi envellecida; un medio rural no que asistimos á eliminación do ensino secundario obrigatorio nalgúns concellos, obrigando aos nenos afectados e ás nenas afectadas a desprazarse aínda máis para rematar o ESO, provocando o peche de comedores escolares, e reducindo drasticamente o número de profesores e profesoras, recortes que xa van afectar de cheo ao curso que comeza. Non é difícil imaxinar o escenario que se aveciña para o futuro inmediato do medio rural galego, tanto en educación como en sanidade ou en atención ás persoas dependentes.

Por outra banda, o Sindicato Labrego Galego denuncia a grande demagoxia que se esconde detrás do argumento de que non se pode gastar máis do que se ten. A realidade é que o erario público está minguado porque foi, e segue a ser, vontade política dos gobernos neoliberais privatizar empresas públicas que xeraban ingresos e beneficios, reducir impostos a quen máis capacidade ten para pagalos, permitir paraísos fiscais, ou seguir favorecendo os intereses do capital especulativo en detrimento dos dereitos das persoas, tal e como demostra este acordo entre o PP e o PSOE.