A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A IX Romaría “por un mundo rural vivo” nas Encrobas serviu para destacar o papel fundamental das mulleres nas loitas labregas

A IX Romaría “por un mundo rural vivo” nas Encrobas serviu para destacar o papel fundamental das mulleres nas loitas labregas

31 de Agosto do 2011

Presentación do libro

Máis de medio cento de afiliados e afiliadas do Sindicato Labrego Galego reuníronse hoxe, 31 de agosto, no entorno da igrexa de Pontoxo, na parroquia das Encrobas (Cerceda), para celebrar a novena edición da Romaría “por un mundo rural vivo”, que organiza todos os anos o centro sindical da comarca de Ordes.


Ás viandas, música e xogos que enchen a programación desta romaría cada ano, sumouse desta vez a presentación do libro de Tareixa Ledo Regal “Lidia Senra Rodríguez. A historia dun liderado entrañable”, de Edicións Laiovento. Acompañaron á autora, no acto, a propia Lidia Senra e a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Carme Freire.

Neste libro, Tareixa Ledo Regal contrapón o xeito clásico de liderar, vencellado polo xeral a esquemas machistas e de carácter frío, piramidal e mandatario; con outro xeito de liderar que está sendo reinventado por mulleres como Lidia Senra, que se caracteriza pola súa calidez, proximidade e confianza coas persoas. Mais o libro é, tamén, unha sentida e traballada homenaxe á contribución das mulleres labregas á Galiza rural e ás loitas agraristas de todos os tempos.

Precisamente, a parroquia das Encrobas foi o lugar idóneo para falar do papel fundamental que desempeñaron as mulleres labregas nas loitas do campo galego. Non en van, entre o auditorio que participou na presentación do libro atopábanse varias mulleres que viviron, en primeira persoa, as protestas e enfrontamentos contra a Garda Civil que se produciron nesta parroquia, no ano 1977. O obxectivo daquela loita non era outro que impedir que Fenosa se fixera dona das terras para explotar o lignito subxacente na, aínda hoxe activa, central térmica de Meirama.

A pesares de que Fenosa acabou saíndose coa súa, a romaría de hoxe serviu para demostrar que nas xentes das Encrobas aínda segue aceso o orgullo de ter loitado polo seu. Respecto disto, a secretaria xeral do SLG, Carme Freire, animou aos e ás asistentes a seguir sendo críticos e a opoñerse a calquera tentativa de usurpación dos dereitos e dos bens a que temos dereito e que tardamos tantas xeracións en conquistar, e a seguir alerta “pois hoxe en día, ocupando os nosos gobernantes o lugar que antano ocupaba a Garda Civil, estanlle dando os cartos dos nosos impostos á banca e ás grandes empresas” en vez de investilos en servizos públicos esenciais para a calidade de vida no medio rural coma o ensino, a sanidade, a asistencia a explotacións ou o coidado de persoas maiores e con discapacidades.

Presentación libro Encrobas 1

Presentación libro Encrobas 2Romaría nas Encrobas

 

 

undefined