A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A ameaza transxénica pon en xaque á apicultura galega e a outros sectores como a gandería ou a produción ecolóxica

A ameaza transxénica pon en xaque á apicultura galega e a outros sectores como a gandería ou a produción ecolóxica

11 de Septembro do 2011

Mel transxénico

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea acaba de fallar que a presenza de transxénicos sobre o pole ou o mel necesita unha autorización especifica. Polo tanto, todo mel onde aparezan restos de transxénicos -e isto acontecerá sempre que unha abella chuche o pole dunha planta transxénica1- haberá que destruílo porque non está contemplado este tipo de produto. A sentenza produciuse trala denuncia dun apicultor alemán que tivo que destruír toda a súa produción de mel por estar contaminada con pole transxénico.

O fallo do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ten que servir para que, dunha vez por todas, as administracións se tomen en serio o perigo que os transxénicos supoñen para a biodiversidade, a saúde, e mesmo para a democracia. Esta sentenza pon de manifesto, unha vez máis, o que o Sindicato Labrego Galego leva denunciando durante anos: A coexistencia é imposíbel.

As administracións están sendo cómplices da imposición dos transxénicos á cidadanía. O caso máis escandaloso é o do Estado Español, o primeiro país europeo no podio de superficie cultivada con OXMs (70.000 hectáreas de millo transxénico e a metade dos experimentos ao aire libre que se fan na UE), e onde ás penas se dá información sobre estes cultivos manipulados xeneticamente e os experimentos que se fan con eles ao aire libre. Por iso, o mel que se produce no Estado, e polo tanto, o da Galiza, en moitas zonas vai quedar nunha situación de ilegalidade para a venda.

Pero o mel non é a única produción agraria afectada. A polinización transxénica tamén a poden sufrir moitos produtos ecolóxicos e convencionais. É dicir: a irresponsabilidade dos nosos gobernos fai que as explotacións apícolas poidan perder toda a súa produción, que as explotacións ecolóxicas poidan perder a súa certificación, e que os cultivos convencionais sexan contaminados impunemente.

Dende o Sindicato Labrego Galego xa fai anos que vimos demandando democracia e que se obrigue aos fabricantes de pensos a poñer no mercado a alimentación animal en convencional libre de transxénicos, xa que, dende que se aprobou a lexislación do etiquetado que obriga a dicir se un penso contén OXMs, sabemos que todo o penso convencional producido na Galiza leva transxénicos. En calquera momento poderían verse afectadas outras producións, como as gandeiras.

Esta situación pon de manifesto como os gobernos están actuando en base aos intereses das grandes transnacionais do negocio da manipulación xenética, sen importarlles as perdas ocasionadas aos labregos e labregas que non queren usalos e sofren a contaminación -como foi o caso deste apicultor alemán ou outros que se teñen dado co millo no Estado Español-, e sen importarlles tampouco a perda da biodiversidade que provoca a contaminación transxénica, nin os impactos sobre a saúde e, moito menos, o dereito das persoas a decidir o que queremos comer.

Dende o Sindicato Labrego Galego, instamos ás institucións a escoitar á cidadanía europea, que masivamente rexeita os transxénicos, para prohibir definitivamente a utilización de transxénicos na agricultura e na alimentación. Tamén facemos un chamamento ao goberno galego para que declaren Galiza libre de transxénicos, tal e como fixeron xa 26 concellos do noso País, e que actúe para que os labregos e labregas podamos traballar sen perigo de que se contaminen as nosas producións e tamén para que no mercado haxa penso e millo convencional libre de transxénicos co que poder alimentar ao noso gando.

 

1 1O radio de acción dunha abella dende a colmea para chuchar pole é de tres quilómetros; ademais, o pole pode viaxar polo aire a distancias moito maiores.