A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG denuncia a pasividade da Xunta á hora de impedir a invasión de terras agrarias por plantacións forestais

O SLG denuncia a pasividade da Xunta á hora de impedir a invasión de terras agrarias por plantacións forestais

19 de Septembro do 2011

Millo minguado

O Sindicato Labrego Galego organizou hoxe, 19 de setembro, na parroquia de San Vicente do Pino (concello de O Pino), un acto de denuncia para chamar a atención sobre as plantacións forestais ilegais que se están a facer en toda Galiza ser respectar as distancias a que obriga a lei con respecto a fincas agrarias adxacentes, e que están a afectar gravemente ás producións agrarias e gandeiras do noso país.

A finca que se visitou como exemplo deste problema foi unha leira de millo de 3,62 hectáreas á que lle fixeron unha plantación de eucaliptos no ano 2009 que chega a escasos centímetros do marco que separa ambas propiedades. Esta leira foi arrendada ao Banco de Terras de Galicia (Bantegal) por Xosé Manuel Calvo Rei e Lourdes Varela Fosado, que rexentan unha explotación leiteira no veciño municipio de Oroso, e que denunciaron a plantación ilegal ante a Consellaría de Medio Rural o 3 de xullo de 2009. Dous anos despois, a administración non respondeu nin emprendeu ningún tipo de acción ao respecto, e iso a pesares de que a plantío de eucaliptos denunciado viola flagrantemente o decreto 81/1989, que obriga a manter unha franxa sen plantar de 6 metros contados a partir das estremas da leira agraria.

Os efectos da pasividade da Xunta estanos a padecer Xosé Manuel e Lourdes e son visibles a simple vista. As plantas de millo das ringleiras máis achegadas á plantacion de eucaliptos teñen un tamaño notablemente máis pequeno que as súas compañeiras máis afastadas das árbores. Á inversa, os eucaliptos que están plantados ilegalmente a carón da leira de millo, son moito máis grandes cós do resto da plantación porque se están alimentando do abono da terra agraria. Por se non abondase, os xabarís abundan grazas a ter un hábitat propicio nos bosques de eucaliptos da zona e xa cometeron varios estragos. Dentro duns anos, se Medio Rural non toma cartas no asunto, os eucaliptos serán tan grandes que a sombra que proxecten e a extensión das súas raíces farán case imposible os cultivos agrarios na finca que traballan Xosé Manuel e Lourdes.

Millo minguado

A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Carme Freire, explicou que “esta non é unha guerra puntual entre xente propietaria de plantacións forestais e xente que rexenta explotacións agrogandeiras. Trátase dun problema estrutural de ordenación do territorio. Do mesmo xeito que se ordena o espazo urbano e sabemos que non se pode construír un edificio en calquera terreo; tamén hai leis que din que non se pode facer unha plantación forestal en calquera terra. O problema é que esas leis se están a incumprir de xeito sistemático en toda a xeografía galega grazas á pasividade e conivencia da Xunta, que fai caso omiso das reiteradas denuncias e, de paso, fomenta a idea de  que no noso medio rural todo vale”.

Indo máis ao concreto, Carme Freire revelou que o Sindicato Labrego Galego asesorou e apoiou a tramitación de máis de cen denuncias só nas provincias de Lugo e A Coruña. Os casos denunciados tiveron que ver con plantacións forestais que non respectan as franxas de terreo limpo a que obriga a lei -un mínimo de seis metros, que aumenta a dez se está afectado solo de especial protección agropecuaria-; e con forestación de terras agrarias, que está prohibida pola Lei de Prevención de Incendios Forestais. Todas as denuncias tiveron a mesma resposta por parte da Consellaría de Medio Rural: silencio e pasividade totais.

Protesta contra eucaliptos

 

 

undefined