A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Non ás medidas de austeridade e aos recortes sociais propostas pola Unión Europea

Non ás medidas de austeridade e aos recortes sociais propostas pola Unión Europea

27 de Septembro do 2011

Contra recortes sociais

O mércores 28 de setembro, o Parlamento Europeo votará sobre un infame e controvertido paquete de seis medidas lexislativas que pretenden ser a pedra angular dun novo modelo de goberno económico da Unión Europea en resposta á crise económica. As seis propostas lexislativas sobre o “goberno económico europeo” farán que a cidadanía pague, aínda máis, pola cobiza e o enriquecemento criminal da banca e das corporacións. O máis probable é que estas medidas prolonguen a crise, recorten os dereitos sociais, e exerzan un “golpe de estado” adicional á democracia. Por todo isto, defendemos que outras respostas á crise son necesarias.

Cremos que as políticas de austeridade que estas propostas fortalecen e fan cumprir son unha receita para o desastre. A Unión Europea forzará aos estados en crise económica a cumprir a machado os recortes de gasto social e afondar nos ataques aos dereitos laborais e sociais durante os vindeiros anos. Do mesmo xeito que no anos trinta do século XX, os recortes sociais e ataques aos salarios e dereitos laborais conducirán, probablemente, a unha recesión prolongada.

Estas políticas adoitan estar lexitimadas, tamén, por moitos representantes políticos e por moitas representantes políticas, coa afirmación de que a crise foi causada pola excesiva débeda pública e o incumprimento das normas da Unión Económica e Monetaria (Pacto de estabilidade e crecemento). Iso é falso e enganoso. A actual crise económica foi provocada polas políticas económicas e financeiras neoliberais -inherentes á Unión Económica e Monetaria e ao mal funcionamento da moeda única-, así como pola cobiza e o enriquecemento criminal da banca e outras empresas do sistema financeiro.

Estas propostas lexislativas permitirán ás institucións da Unión Europea intervir e tomar decisións sobre os orzamentos públicos dos estados membros, sobre as prioridades da política económica e social, así como os dereitos laborais e sociais de cada país, de xeito totalmente antidemocrático, sen rendición de contas, e a través de procedementos inmunes á presión e control públicos. Tamén se pretende que se lle dean á Comisión Europea amplos poderes de control sobre a aplicación de novas medidas de austeridade para impor fortes multas aos estados membros se incumpren as normas; cómpre lembrar, neste particular, que a Comisión Europea é un organismo non elixido, burocrático e fortemente influenciado pola presión que exercen sobre ela a patronal europea e o gran capital en Bruxelas.

No seu cego e ansioso intento de aplicar esta política económica, as institucións da Unión Europea están mesmo violando as súas propias lei. O procedemento para impor sancións financeiras a un estado membro constitúe unha violación do Tratado da Unión Europea, como sinalan numerosas persoas expertas en materia xudicial comunitaria. As sancións por políticas orzamentarias e económicas que non se corresponden co paradigma neoliberal estarían entre o 0'1% e o 0'6% do PIB. A aplicación das medidas propostas na actual situación, co meirande dos estados membros cun déficit excesivo (e por riba das regras do Pacto de estabilidade e crecemento), significaría que estes estados da Eurozona terían que pagar miles de millóns de euros anuais en multas á Comisión Europea.

Estas medidas non só son antidemocráticas e van contra a lexislación da Unión Europea, senón que son un claro sinal de que nos vindeiros anos, os estados membros, como consecuencia dos actos dos gobernos presentes, estarán obrigados a implementar reformas neoliberais con maiores recortes do gasto público e das prestacións sociais, a reducir -aínda máis- o tamaño do sector público, a recortar salarios e a acometer liberalizacións económicas adicionais. Todas estas son accións que a Comisión Europea apoia con moita vehemencia.

Ademais, as propostas lexislativas non só son antidemocráticas polos seus contidos, senón que foron adoptadas dun xeito absolutamente antidemocrático. Condenamos enerxicamente a présa coa que estas políticas foron adoptadas, e o meirande dos e das representantes no Parlamento Europeo ten unha responsabilidade especial ao respecto. Novas políticas de longo alcance e lexislación de grandes reformas deben ser pública e amplamente debatidas e referendadas.

As políticas antisociais e antipopulares inherentes ao seis actos lexislativos, as medidas coercitivas antidemocráticas, e a ausencia dun debate democrático, evidencian a ilexitimidade do novo modelo de goberno económico.

Facemos un chamamento aos eurodeputados e ás eurodeputadas para rexeitar estas seis propostas lexislativas do “goberno económico europeo”, e aos movementos sociais para que sumen esforzos a favor dunha Europa democrática, de benestar e de dereitos sociais.