A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG denunciou en Castroverde plantacións forestais ilegais que “converten a Galiza en pasto para o lume”

O SLG denunciou en Castroverde plantacións forestais ilegais que “converten a Galiza en pasto para o lume”

19 de Outubro do 2011

Forestacións ilegais

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, desprazouse, o 19 de outubro, até Castroverde para visitar varias plantacións ilegais de piñeiro e eucalipto en Arrubial, na parroquia de Páramo. As propiedades que se puideron ver pertencen, en propiedade ou en arrendamento, a Henrique López e Ignacio Arias, que comparten unha explotación leiteira e a traballan xunto coa súa familia. Ambos teñen praderías e instalacións agrarias totalmente invadidas por plantíos ilegais de piñeiro e eucalipto e sofren todas as modalidades de infracción posibles: forestación ilegal de terras agraria, plantacións que non respectan as distancias con respecto ás fincas veciñas, e mesmo árbores que se plantaron a cinco metros das naves agrícolas onde gardan maquinaria e outros apeiros.


Carme Freire tivo que denunciar, unha vez máis, “a permisividade da Xunta á hora de permitir que se viole a lei e se foresten terras agrarias”. A secretaria xeral do SLG explicou que estas infraccións están a ter dúas consecuencias gravísimas:

En primeiro lugar, o incremento exponencial do risco de incendios, algo que nas últimas semanas se fixo máis que evidente. As plantacións ilegais de eucaliptos e piñeiros fóra do monte, que é o espazo que lles está reservado, do mesmo xeito que o incumprimento das distancias de plantación, provocan que toda Galiza sexa un pasto ideal para o lume por mor dun efecto damero que favorece que as lapas se estendan dende os montes até as leiras e os núcleos rurais.

  1. En segundo lugar, as plantacións ilegais está tendo un impacto moi negativo na actividade agraria e mesmo provocando que se abandonen explotacións e se aborten novas incorporacións ao agro por falla de base territorial.

“Os piñeiros, eucaliptos e demais plantacións forestais, de facerse, deberían estar no monte e non nas veigas, que é o lugar que lle corresponde ás praderías e aos cultivos”, proseguiu Carme Freire. “Para nós este é un despropósito absoluto do que teñen toda a responsabilidade a Xunta e os concellos por non facer cumprir a Lei de Prevención de Incendios Forestais, que prohibe expresamente plantar árbores en terras agrarias ou a menos de cincuenta metros das vivendas e núcleos habitados”.

Para o Sindicato Labrego Galego, a pasividade da Xunta á hora de perseguir o delicto de forestar terras agrarias ou daqueles plantíos que non respectan as distancias esixidas pola lei responde a unha estratexia de beneficiar ás industrias que necesitan terra para producir pasta de celulosa ou agromasa destinada a enerxía eléctrica, xa que o abandono da actividade agraria e a complicidade das autoridades competentes permiten que se fagan coa terra que necesitan a prezo de saldo.

Aproveitando a acción de denuncia levada a cabo en Castroverde, a secretaria xeral do SLG esixiu “que a Consellaría de Medio Rural actúe e faga cumprir a lei, tanto en resposta ás máis de duascentas denuncias presentadas polo Sindicato Labrego Galego en toda Galiza; como perseguindo calquera infracción que se cometa á hora de forestar, sexa denunciada ou non”.

A acción de denuncia levada a cabo hoxe en Castroverde contra a forestación ilegal de terras agrarias súmase ás xa feitas en Santa María de Vigo (Cambre, A Coruña), o pasado 26 de maio; no concello do Pino (A Coruña), o 19 de setembro; e en Becerreá, o 6 de outubro.

Forestacións ilegais en Castroverde


[1] O artigo 25 B da Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais 3/2007 prohibe expresamente “as repoboacións forestais en zonas adicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos, con independencia da súa cualificación urbanística”

 

 

 

 

undefined