A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG denuncia en Vilalba unha trama política e lexislativa para invadir as terras de cultivo de Galiza con plantacións forestais

O SLG denuncia en Vilalba unha trama política e lexislativa para invadir as terras de cultivo de Galiza con plantacións forestais

10 de Novembro do 2011

Denuncia de forestacións en Santaballa

O 10 de novembro, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, viaxou até a parroquia de Santaballa, no municipio lucense de Vilalba, para dar continuidade á campaña contra as forestacións ilegais de terras agrarias que esta organización sindical está a facer por toda Galiza.

Acompañada por unha comitiva de labregos e labregas afectados polas plantacións ilegais, visitáronse terreos de concentración parcelaria nos que se fixeron fortes investimentos públicos e que só poden ser utilizados para usos agrarios. Nembargante, nos terreos da concentración parcelaria de Santaballa hai moitas parcelas plantadas de eucalipto e outras especies forestais de maneira totalmente ilegal e impune[1].

Desta vez, tivemos ocasión de escoitar a testemuña de gandeiros e gandeiras da zona como Lupe Prado, que é socia dunha cooperativa leiteira en Santaballa. Lupe amosounos fincas que, até hai ben pouco, ela e os seus socios e socias tiñan arrendadas e nas que plantaban millo forraxeiro para alimentar ás vacas durante o inverno. Mais, recentemente, os donos das fincas decidiron arrendarllas a empresarios que nin sequera viven en Vilalba e que só as queren para facer plantacións intensivas de eucalipto destinado, previsiblemene, a queimar para producir enerxía; así, dun día para outro, Lupe e os seus compañeiros e compañeiras de traballo se atoparon sen catro hectáreas de terra nas que acostumaban a plantar forraxes. O de Lupe Prado é só un exemplo dunha problemática que afecta de cheo a miles de explotacións en toda Galiza e de todos os sectores produtivos.

Carme Freire denunciou a existencia dun plan consciente da actual Xunta para lexislar e ceder a terra para a produción de alimentos do noso país ás industrias da celulosa e da produción de enerxía a partir de agromasa. A secretaria xeral do SLG revelou que se están “preparando enormes partidas orzamentarias, tanto da Unión Europea como da Xunta, para que todas estas plantacións ilegais se poidan legalizar de cara a que fagan uso delas as industrias da enerxía. É dicir, cantidades inxentes de cartos públicos que, en troques de ir para sanidade ou educación, financiarán o espolio das nosas terras de cultivo para inzalas de especies forestais e para facer á sociedade galega máis dependente na súa alimentación”.

Carme Freire sacou a colación a xuntanza do Consello Forestal de Galicia, celebrado onte -9 de novembro- en Compostela, para falar da nova Lei de Montes, e adiantou que “coa nova lei que pretenden aprobar, con que unha terra agraria sexa cualificada como “abandonada” porque non se fixo uso dela nos últimos anos, xa pode forestarse e pasar a formar parte do negocio das multinacionais da enerxía que están preparando con leis desde os gobernos. A isto úneselle a nova Lei de Mobilidade de Terras, que permitirá o acceso de calquera ás fincas do Banco de Terras, non só de titulares de explotacións agrarias; é dicir, que as terras do banco que non se collan para actividades agrícolas, poderanas utilizar empresas para facer plantacións forestais. Ademais, esta tendencia reforzarase se vai para adiante a proposta de reforma da Política Agraria Común que se presentou recentemente, e os seus fondos se destinan a este tipo de finalidades”.

A de Vilalba xa é a quinta acción de denuncia que o SLG fai na Galiza contra a forestación ilegal de terras agrarias. Antes, fixo accións similares en Cambre, O Pino, Becerreá e Castroverde. Ademais, os servizos xurídicos da organización agraria xa asesoraron e apoiaron o trámite de máis de duascentas denuncias administrativas en toda Galiza contra forestacións ilegais, sen que a Xunta movese, até o de agora, un dedo para actuar en consecuencia. Respecto a esta complicidade do Goberno da Xunta coas plantacións ilegais, Freire declarou que “estamos fartos e fartas de denunciar esta situación pola vía administrativa. Xa non é que os donos das fincas forestadas estean incumprindo a lei; é que é a propia Administración a que a incumpre. Estannos usurpando a terra para producir alimentos e, a este paso, teremos que rematar por comer eucaliptos porque, con estas novas leis do PP, chegará un día no que non quedará terra para cultivar a nosa mantenza, a do noso gando e a da cidadanía”.


[1] O artigo 25 B da Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais 3/2007 prohibe expresamente “as repoboacións forestais en zonas adicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos, con independencia da súa cualificación urbanística”

Denuncia de forestacións en Santaballa

 

 

undefined