A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG continúa n'A Estrada a súa campaña de denuncia contra a forestación ilegal de terras agrarias

O SLG continúa n'A Estrada a súa campaña de denuncia contra a forestación ilegal de terras agrarias

16 de Novembro do 2011

Forestación ilegal

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, acompañada por afiliados e afiliadas da comarca da Estrada, visitou hoxe, 16 de novembro, unha explotación de horta en Vilancos (parroquia de Berres, A Estrada) para denunciar, unha vez máis, a invasión de terras agrarias por plantacións forestais que se fixeron de xeito ilegal, e o impacto que estas teñen na actividade agraria. Esta denuncia se enmarca na campaña que o SLG xa levou a concellos como Cambre, O Pino, Becerreá, Castroverde e Vilalba para denunciar un problema que afecta a todas as explotacións agrogandeiras de Galiza.

O caso que nos ocupou hoxe foi o da familia Touceda, que ten unha explotación de horta onde cultivan amorodos, leitugas, xudías, repolos, etcétera. Nestes intres é unha moza, Raquel Touceda, a que tomou as rendas da explotación para ter nela o seu medio de vida, despois de que seu pai Manuel se xubilase. As leiras que traballa a familia Touceda se atopan nunha zona que se beneficiou dun proceso de concentración parcelaria a comezos dos anos setenta. Polo tanto, esta zona é de solo agrario e nela está totalmente prohibida a plantación de especies forestais. A pesares da prohibición, no ano 2008, e de xeito ilegal, plantáronse castiñeiros e freixos para a produción de madeira nas fincas veciñas. Dende aquela, a familia Touceda sufriu as consecuencias: boa parte das súas colleitas non reciben a luz do sol até ben pasado o mediodía, coa mingua produtiva e o incremento de enfermidades debidas á humidade que iso supón; e, ademais, a folla que cae das árbores cobre as terras de labor e vénse na obriga de retirala a man para evitar que se descompoña e poder traballar as leiras. A pesares de que denunciaron a infracción por vía administrativa, tal e como marca a lei, a Consellaría de Medio Rural non fixo nada para repoñer a legalidade.

Manuel Touceda quéixase de que “levamos moito loitado e denunciado, sen que nos fagan caso. Ao final, verémonos obrigados a abandonar a agricultura e a miña filla a darse de baixa da Seguridade Social para ser unha parada máis. E é unha mágoa, porque esta explotación é unha empresa que funciona e que, nos tres meses de verán, contrata entre oito e doce postos de traballo”

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, preguntouse “Por que a Consellaría de Medio Rural, a pesares de que houbo infracción da lei, e a pesares de que recibiu a denuncia formalmente, non actúa? Por que non levanta a plantación forestal como marca a lei? O Sindicato Labrego Galego xa ten denunciado máis de douscentos casos coma este en toda Galiza, sen que a Administración mova un dedo; mentres os infractores seguen impunes, as árbores medran e aumenta o impacto negativo e irreparable sobre as explotacións agrogandeiras afectadas. Esta pasividade da Xunta está dando a entender aos infractores da lei que poden invadir terras agrarias ao seu antollo sen temor a ningunha sanción”.

Estes feitos levaron á secretaria xeral do SLG a sospeitar da existencia “dunha trama perfectamente organizada dende a Xunta de Galicia para que esta situación sexa legal dentro de pouco, de maneira que se ampare a invasión do solo agrario por especies forestais para producir madeira, celulosa e, principalmente, enerxía. E isto estase facendo con leis como a de Mobilidade de Terras, que entrou en vigor antonte e que permitirá que empresas que non teñen nada que ver coa agricultura poidan arrendar predios do Banco de Terras para dedicalos á produción de enerxía; ou coa nova Lei de Montes, que vai no mesmo sentido ao autorizar plantíos forestais en terras abandonadas, aínda que sexan solo agrario. Por iso falamos de trama, porque con estas leis a Xunta pretende legalizar o que agora é ilegal, é dicir, desmantelar a produción de alimentos en Galiza para deixar as leiras en mans da industria da celulosa e da enerxía”.

Máis alá do tremendo impacto económico que estas plantacións ilegais están tendo nas explotacións agrogandeiras galegas, Carme Freire advertiu que “o que agora está en xogo é a posibilidade mesma de comer alimentos neste país, pois non nos podemos alimentar de pólas de carballo nin de follas de eucalipto, e a enerxía tampouco se pode comer”.

Forestación ilegal na Estrada

 

 

undefined