A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG mantivo un encontro co delegado da Axencia Tributaria para solucionar os atrasos no cobro de axudas por culpa do modelo 347

O SLG mantivo un encontro co delegado da Axencia Tributaria para solucionar os atrasos no cobro de axudas por culpa do modelo 347

30 de Novembro do 2011

Axencia Tributaria

O secretario de Servizos ás Explotacións no Sindicato Labrego Galego, Xosé Manuel Calvo Rei, e Xosé Ramón Cendán, tamén da organización agraria, reuníronse hoxe, 30 de novembro, na Coruña, co delegado especial da Axencia Tributaria en Galiza, Luís Pazos, para tratar os problemas xerados polo envío masivo e indiscriminado de cartas a labregos e labregas requiríndolles o modelo 347, que serve para declarar as operacións con terceiros de máis de 3.005,06 € e é obrigado para aquelas persoas que están nun réxime fiscal de estimación directa; tamén están obrigados a facelo aqueles profesionais da agricultura que estean nun réxime fiscal por módulos se fan vendas a terceiros por máis de 3.005,06 € e esa factura non ten retención.

A esixencia do modelo 347 está causando moitos problemas nas explotacións dos labregos e labregas que están no réxime fiscal por módulos e non fixeron vendas sen retención superiores a 3.005,06 €, pois non teñen obriga de presentalo e foilles requirido igualmente. Isto provoca que non estean ao día nas súas obrigas tributarias e que, polo tanto, as axudas que teñen en trámite se paralicen até que se solucione o requirimento na Axencia Tributaria.

Os representantes do Sindicato Labrego pedíronlle a Luís Pazos que a Axencia Tributaria só lle requira o modelo 347 a aquelas explotacións que teñen obriga de presentalo. Pola súa banda, o delegado especial da Axencia Tributaria en Galiza comprometeuse a axilizar o proceso para que non se produzan demoras nos cobros das axudas agrarias; así e todo, os labregos e labregas afectados/as deberán presentar o requirimento o antes posible, para que a resolución da Axencia Tributaria se faga no menor prazo.

A maiores, Xosé Manuel Calvo e Xosé Ramón Cendán pedíronlle a Luís Pazos, de cara a que non se repita este tipo de problemática no futuro, que non se envíen este tipo de requirimentos de xeito masivo e indiscriminado como se fixo desta vez, senón que se lles mande só a aquelas persoas que corresponda e, sobre todo, que non coincida con campañas e xustificación de axudas agrarias, polos graves prexuízos que provoca á hora de axilizar a tramitación e cobro de subvencións das que depende a liquidez de moitas explotacións agrarias que, polo xeral, están a atravesar unha situación económica crítica. Para o SLG, este problema é un síntoma máis da excesiva, e de cotío asfixiante, burocracia á que se somete ás explotacións agrogandeiras e que, case sempre, supón un aumento de custes por mor da necesidade de contratar servizos de xestión e contabilidade externos á explotación.