A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG condena a decisión da Xunta de construír unha incineradora de residuos no Irixo

O SLG condena a decisión da Xunta de construír unha incineradora de residuos no Irixo

9 de Decembro do 2011

Incineradora

O Sindicato Labrego Galego critica a decisión da Xunta á hora de darlle o visto bo ao proxecto de construír unha incineradora de lixo no concello ourensán do Irixo, pois a súa realización só vai beneficiar ao capital privado e traerá graves consecuencias medioambientais na zona, o peche de explotacións agrarias e máis despoboamento.

O SLG xa criticou no seu día o plan de tratamento de residuos de Galiza, que aposta por actividades insáns e contaminantes coma en vez dun modelo máis sustentable baseado nas tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

Chama a atención a présa do Goberno Galego en satisfacer ao capital privado, xa que falan de que non haberá problemas no tocante aos proxectos de avaliación ambiental e ás lexislacións locais. Como pode ser que a avaliación ambiental e as licencias deste megaproxecto non contemplen o seu impacto no entorno? Como a unha explotación agraria se lles neguen aducindo que contamina ou non cumpre as normativas? Isto é o mundo o revés.

Resulta enganoso o dato dos postos de traballo que se van crear con esta incineradora, xa que ninguén cuestiona e valora o custe ambiental e as consecuencias negativas que isto provocará no tecido socioeconómico da comarca.

A actividade agraria verase afectada e, con ela, toda a economía básica do lugar. A contaminación xerada vai provocar o abandono do medio rural e o despoboamento, en contra do que nos queren facer crer .

Os labregos e labregas, cada vez máis unha especie en extinción, verán como as terras nas que até agora producían alimentos se verán ocupadas por un xigantesco vertedoiro de lixo.

 Semella que a visión de ordenación e uso do territorio deste Goberno é clara: lexislar para favorecer que a terra agraria do noso país deixe de cumprir a súa función principal, que é a de producir alimentos para a cidadanía -algo irrenunciable para todas e todos nós-, e deixar nas mans dos especuladores e do capital privado o futuro das xeracións vindeiras.