A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Sindicato Labrego Galego pídelle a Arias Cañete que emprenda políticas valentes para dignificar as rendas dos labregos e das labregas

O Sindicato Labrego Galego pídelle a Arias Cañete que emprenda políticas valentes para dignificar as rendas dos labregos e das labregas

21 de Decembro do 2011

Non hai imaxe

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos aproveitar o nomeamento de Miguel Arias Cañete como Ministro de Agricultura para, ademais de felicitalo, lembrarlle os grandes retos que ten sen resolver enriba da mesa e animalo a emprender reformas con decisión e valentía. Ao SLG gustaríalle que Arias Cañete fixese caso ás palabras de Rajoy durante o debate de investidura, nas que dixo que cumpría realizar as reformas necesarias para rematar "coa inestabilidade das rendas dos agricultores".

Nestes intres estamos nun intre crucial, en pleno debate da reforma da Política Agraria Común (PAC), polo que Arias Cañete dende a súa carteira, e o novo Goberno do Estado, teñen unha oportunidade de ouro para defender unha postura dirixida a garantir, precisamente, esas rendas labregas. Para iso, só hai un camiño: unha PAC que estableza sistemas de control da produción para que a oferta se adecúe á demanda e non haxa excesos de produción que boten por terra o valor dos produtos agrarios; que cree mecanismos para fixar prezos en orixe que cubran os custes de produción e deixen rendas dignas nas explotacións; e que free un proceso de liberalización dos mercados que só favorece a dictadura das grandes multinacionais e industrias do sector, que impoñen prezos e condicións ruinosas para as explotacións, que seguen pechando por miles cada ano, e para a cidadanía, que ve comprometida a súa alimentación e o custe da mesma por estas políticas.

Só defendendo posicións valentes como as devanditas no seo da Unión Europea, e desenvolvendo políticas que vaian nesa dirección no Estado Español, Mariano Rajoy poderá aspirar a ver realizado o seu desexo de rematar coa inestabilidade nas rendas dos labregos e das labregas. O contrario convertería ás súas palabras en fume, algo ao que, por desgraza, estamos demasiado afeitos e afeitas na Galiza.