A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A conselleira de Medio Rural ponse do lado das industrias e abandona á súa sorte ás explotacións afectadas polos impagos de Lácteos Tambre

A conselleira de Medio Rural ponse do lado das industrias e abandona á súa sorte ás explotacións afectadas polos impagos de Lácteos Tambre

9 de Maio do 2012

Gandeiros e gandeiras

A conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, compareceu, o 9 de maio, diante do Parlamento de Galicia para explicar que medidas pensa tomar para solucionar o problema de impagos de empresas como Lácteos Tambre, que deben varias entregas de leite ás explotacións que lle fornecen de materia prima dende hai máis dun ano. A intervención de Rosa Quintana producíase a instancias dunha pregunta formulada pola deputada do BNG, Tareixa Paz.

En resume, Rosa Quintana xustificou o inxustificable, ao defender a posición de Lácteos Tambre, argumentando que a esta empresa lle deixou de ingresar Clesa, que era quen lle compraba a ela. En canto ás accións levadas a cabo para forzar a Lácteos Tambre a pagar, a conselleira dixo que “o abano competencial autonómico neste ámbito é escaso”, de maneira que Medio Rural se limitou a “ofrecer avais públicos ou crédito do Igape”  e a “servir de ponte”.

A falla de medidas efectivas por parte da Consellaría de Medio Rural decepcionou fondamente aos e ás titulares das explotacións afectadas, algunhas delas con sentenzas xudiciais favorables para cobrar e que aínda non ingresaron nin un céntimo, por moito que Rosa Quintana afirmase no Parlamento que lle constaba que “algunhas explotacións xa cobraron”. Carme Freire cualificou o comportamento da conselleira como “denigrante” porque “unha persoa que ten responsabilidade política e que, ademais, é a conselleira de todo o sector, incluídos produtores e produtoras, aos que debe defender, non pode exculpar a Lácteos Tambre argumentando que xa lle pagou a algunhas explotacións, pois é o mesmo que dicir que aquelas que seguen aturando débedas dende hai máis dun ano lle traen sen coidado”. A secretaria xeral do SLG cualificou esta actitude de “irresponsable e denunciable socialmente”, co agravante de facela diante dos gandeiros e gandeiras afectados polos impagos que estaban presentes no hemiciclo, e que “están a atravesar unha situación gravísima a nivel económico, en boa parte provocada pola morosidade de Lácteos Tambre”.

Catro meses sen resposta da Consellaría de Medio Rural

O pasado 26 de xaneiro, unha comitiva formada por dirixentes do Sindicato Labrego Galego e gandeiras afectadas polos impagos de Lácteos Tambre, reuníronse con Rosa Quintana para explicarlle a súa problemática. Ese día obtiveron o compromiso da Consellaría de Medio Rural de emprender accións para obrigar ás empresas a que paguen e para evitar que este problema se volva producir no futuro. Nembargante, a día de hoxe, os gandeiros e gandeiras non recibiron ningún tipo de información das xestións feitas por parte da Consellaría.

Ante a falla de resposta a este compromiso, o Sindicato Labrego Galego mantivo encontros cos grupos parlamentarios do PSOE e do BNG o pasado 27 de marzo. Precisamente, a comparecencia de hoxe da conselleira de Medio Rural viuse forzada pola súa obriga a dar resposta oral á pregunta formulada pola deputada nacionalista, Tareixa Paz.

Fallos xudiciais a favor das explotacións

As explotacións afectadas polos impagos de Lácteos Tambre denuncian que se lles debe leite recollido durante o primeiro trimestre de 2011, con débedas que van dos 3.000 aos 7.000 euros, segundo o caso. En total, son sete as explotacións que asesoran os servizos xurídicos do SLG e que se atreveron a levar os impagos aos xulgados de Ordes, obtendo varias sentenzas favorables.

Aínda que os gandeiros e gandeiras denunciantes teñen as súas explotacións en Muxía, Tordoia e Arzúa, poderían estar afectados ducias de concellos e explotacións en toda Galiza, habida conta de que Lácteos Tambre recolle leite en comarcas como Fisterra, Xallas, A Barcala, Compostela, Arzúa, Deza ou Tabeirós-Terra de Montes, entre outras; e de que moitos gandeiros e gandeiras de quen se ten constancia que tamén teñen débedas pendentes coa empresa, algunhas de até 30.000 euros, non quixeron denunciar a súa situación por temor a represalias.

 

 

 

undefined