A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG reclama que non se destinen recursos públicos a crear eucaliptos transxénicos para as industrias enerxéticas

O SLG reclama que non se destinen recursos públicos a crear eucaliptos transxénicos para as industrias enerxéticas

24 de Maio do 2012

Arbores transxenicas

O Sindicato Labrego Galego acolleu con preocupación a nova da instalación dun invernadoiro para investigar especies forestais transxénicas no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), financiado con cartos públicos a través do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Aínda que se salientan estudios como o dos castiñeiros cisxénicos, cómpre lembrar que o IIAG ten outras liñas de investigación financiadas por empresas privadas como Foresta Mantenimiento de Plantaciones S.L. que teñen que ver con especies como o eucalipto1 para fins industriais. Cómpre lembrar que estes cultivos forestais están a provocar un desastre ecolóxico e social sen precedentes na Galiza, coa regresión e desaparición de especies autóctonas, a creación de grandes masas de monocultivo propicias para a proliferación de incendios forestais, e a invasión ilegal xeneralizada de terras protexidas de uso agrario coa conivencia da Xunta de Galicia. Outras especies investigadas, como o chopo ou a pawlonia, probablemente vaian na mesma dirección.

En resume, xa é drama de abondo que a Xunta permita e fomente todo o devandito como para que, por riba, se cedan instalacións custeadas con cartos públicos para fins científicas para facer investigacións impulsadas por empresas privadas cuxos resultados afondarán nestes danos gravísimos na estruturación e equilibrio medioambiental do noso territorio. Investir na investigación destas especies e para estas fins, é o mesmo que hipotecar o futuro do medio rural galego e da agricultura no noso país, onde ás explotacións agrogandeiras lles é cada vez máis difícil acceder a base territorial para poder desenvolver o seu indispensable labor como produtoras de alimentos.

Amais do xa citado, o Sindicato Labrego amosa o seu máis absoluto rexeitamento á tecnoloxía transxénica e á súa utilización en territorio galego pola súa perigosidade. É lamentable que, mentres en países como Francia, se prohiben especies agrícolas manipuladas xeneticamente, coma o millo MON 810; o Estado Español, co apoio e patrocinio do Ministerio de Agricultura (tanto co PSOE como co PP), segue á cabeza en superficie destes cultivos manipulados na Unión Europea.

1“Aspectos relacionados coa capacidade de enraizamento in vitro de clons seleccionados de eucalipto”, investigación financiada por Foresta Mantenimiento de Plantaciones e realizada polo IIAG no período 2009-2012 e cuxos obxectivos son, textualmente: “Produción de cultivos enerxéticos de Eucalyptus incluíndo a selección, posta a punto de tecnoloxía de propagación, modificación xenética e ensaios de material vexetal diverso para produción de biomasa”. (Achégase documento orixinal).

Ficheiro adxunto