A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Rural restrinxe o acceso ás axudas para melloras nas explotacións e para renovar maquinaria agrícola

Medio Rural restrinxe o acceso ás axudas para melloras nas explotacións e para renovar maquinaria agrícola

1 de Xuño do 2012

Tractor vello

A Consellaría de Medio Rural introduciu dúas mudanzas importantes nos requisitos para solicitar as axudas a plans de mellora e a novas incorporacións á actividade agraria: desta vez, non se concederán subvencións á reformas de bens inmobles nin a cambios de uso dos mesmos, por unha banda; e non poderán pedir apoio para mercar maquinaria as explotacións que pedisen axudas para esta fin nos últimos quince anos.

A primeira das mudanzas é unha interpretación curiosa dunha norma do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), que prohibe que se financie dúas veces o mesmo investimento. Ata agora, o investimento definíao o fin. Por exemplo, se aproveitabas unha corte dos porcos para facer outra na que criar xovencas, considerábase un novo investimento, pero aproveitando e reciclando estructuras en desuso. Mais o cambio introducido nesta liña de axudas di agora, textualmente, que ficarán excluídas "A reforma, reposición ou cambio de uso de bens inmobles”.  É dicir, quen queira axudas ten que construír as instalacións novas do trinque, nun novo terreo ou demolendo previamente os inmobles que xa non lle serven, aínda que puidesen ser reutilizables. Curioso xeito de fomentar o aforro e a austeridade.

En canto ao segundo cambio, o de non apoiar na compra de maquinaria a quen pedise axudas para esta fin nos últimos quince anos, pode marxinar a explotacións pouco mecanizadas e que necesiten realmente facer investimentos para esta fin, cando o normal e lóxico sería excluír deste tipo de axudas as explotacións que teñen máis maquinaria con respecto ás que teñen menos. Como exemplo práctico de como queda agora esta liña de axudas, unha gran explotación hipermecanizada, pero que non investise en maquinaria nos últimos quince anos, poderá acollerse ás axudas; mais outra explotación máis pequena, que só posúa un tractor adquirido hai catorce anos, non poderá recibir axudas para mercar unha cisterna, por exemplo.  

Con estas innovacións nos requisitos para acceder ás axudas, e o curto prazo para facer as solicitudes, parece que o que quere facer a Consellaría de Medio Rural é que pida o menor número de explotacións posíbeis e, ao mesmo tempo, quedar ben dicindo que se apoian as novas incorporacións, os plans de mellora e a renovación de maquinaria.

Tamén dá a impresión de que o que interesa fomentar son os grandes investimentos e non as pequenas reformas que permitan diversificar, aforrar custes e rendibilizar o traballo agropecuario. En resume, a Consellaría de Medio Rural segue apostando por grandes proxectos insostíbeis promovidos por grandes capitais; fronte aos proxectos realistas, viábeis e necesarios que desenvolven o meirande das explotacións agrogandeiras da Galiza e que estruturan e dan vida ao noso campo.