A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A banca galega ignora o convenio con Medio Rural para anticipar as axudas da PAC

A banca galega ignora o convenio con Medio Rural para anticipar as axudas da PAC

4 de Xuño do 2012

Axudas PAC

O Sindicato Labrego Galego denuncia que as entidades bancarias que asinaron o convenio de colaboración coa Consellaría de Medio Rural para adiantar os cartos das axudas da Política Agraria Común (PAC), non están a cumprir co asinado.

Este convenio, que pretende dar liquidez ás explotacións nun contexto de crise económica, consiste en que os bancos adiantan o 90% do importe das axudas da PAC ás que teñen dereito as explotacións, subvencionando Medio Rural os xuros. Así, os préstamos deste convenio terían uns xuros do 6’25%, dos cales Medio Rural pagaría o 3’25% e a explotación o 3% restante. A realidade é que cando o/a titular dunha explotación se achega até a entidade bancaria para acollerse a este adianto das axudas, no banco dinlle que descoñecen este convenio e lles ofrecen os seus propios anticipos, que nalgúns casos chegan a ser incluso máis vantaxosos que os apoiados pola Xunta. No SLG temos constancia de adiantos que van dende o 2’8% de xuros, nos mellores casos, até o 7% nas ofertas máis caras.

Isto evidencia que o convenio asinado entre Medio Rural e a banca converteuse en papel mollado e que fallou a comunicación entrambos asinantes, máxime cando hai entidades bancarias que non botan man dun convenio que lles resultaría manifestamente máis rendíbel que as súas propias liñas de empréstitos.

Para o Sindicato Labrego Galego, a única medida adoptada pola Consellaría de Medio Rural diante das abondosas perdas económicas causadas pola seca nos diversos sectores agrogandeiros está resultando ser unha auténtica chapuza e incide na idea da ineptitude e inoperancia das persoas responsables das políticas agrarias na Galiza. O convenio para adiantar as axudas da PAC non está sendo útil ás explotacións, non achega ningunha solución á súa falla de liquidez e viabilidade que non poidan acadar por si mesmas e, por riba, seguen padecendo, con respecto á banca, o mesmo problema de sempre: case ningunha acada un préstamo cando realmente o necesita.