A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A responsable da Secretaría das Mulleres do SLG pide en Bruxelas políticas igualitarias para as mulleres do rural

A responsable da Secretaría das Mulleres do SLG pide en Bruxelas políticas igualitarias para as mulleres do rural

11 de Xuño do 2012

Isabel Vilalba

A responsable da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, e membro da Dirección da Coodinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), Isabel Vilalba, participou hoxe, 11 de xuño, en Bruxelas, no Grupo Consultivo de Mulleres do Medio Rural da Comisión Europea.

Da xuntanza deste grupo xurdiu a decisión de facer unha declaración conxunta, dirixida á Comisión Europea, con dúas peticións fundamentais:

  1. En primeiro lugar, pediráselle á CE que inclúa, nos seus estudios estatísticos, todas as variables que afectan ás mulleres, xa que en base a estes informes a Comisión deseña as súas políticas que, no que respecta ás labregas, non teñen en conta a desigualdade de xénero que padecen. Unha das consecuencias de que os estudios comunitarios non recollan as variables de xénero é que nas explotacións que teñen como titular a un home non hai constancia de que traballen outras persoas xunto a el, cando sabemos que é frecuente que a cónxuxe, e mesmo familiares, tamén traballen na explotación.
  2. A outra petición ten que ver coa clara situación de discriminación que sofren as mulleres labregas e a súa desigual participación no acceso ás accións de desenvolvemento que emanan da Política Agraria Común (PAC). Cos poucos datos estatísticos que temos hoxe ao respecto, sabemos que as explotacións de mulleres na Unión Europea teñen como media 5’4 hectáreas, cun rendemento do 4’4, e 3’1 animais adultos no caso dos sectores gandeiros; fronte a unha media de 11’6 hectáreas, cun 10’9 de rendemento, e 10’1 animais adultos nas explotacións con titulares masculinos. Estas porcentaxes revelan unha grande desigualdade estrutural e económica nas explotacións segundo sexa titular un home ou unha muller. En canto ao acceso ás axudas, tamén hai desigualdade. Nas medidas de desenvolvemento rural hai programas como os de investimentos en granxas, nos que os beneficiarios varóns son o triplo con respecto ás mulleres; en plans de mellora, os homes que se benefician son o dobre.

“Por todo o devandito”, explicou Isabel Vilalba, “se fai imprescindible que a Comisión Europea comece a realizar os seus estudios estatísticos incluíndo perspectiva de xénero; así como a incluír estas variables nos programas e medidas de apoio á agricultura. Dende a Secretaría das Mulleres do SLG cremos que se necesitan medidas de discriminación positiva que favorezan ás mulleres, pois poñer as mesmas condicións de xogo para elas que para os homes supón afianzar esa situación de desigualdade”.

Isabel Vilalba