A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Comunicado da Dirección Nacional do SLG

Comunicado da Dirección Nacional do SLG

14 de Xuño do 2012

Non hai imaxe

Na Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego, celebrada o 14 de xuño de 2012 en Compostela, acordouse, por unanimidade, elixir a Isabel Vilalba Seivane como nova secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego.

Esta decisión tomouse despois de que a súa predecesora no cargo, Carme Freire, presentase a súa dimisión neste que é o máximo órgano de decisión no SLG entre congresos, xunto a outras catro persoas da Executiva, que tamén abandonaron as súas responsabilidades orgánicas: Manuel Docampo (Organización), Ana Rodríguez (Finanzas), Xosé Manuel Parente (Sectores Vexetais) e Charo Sánchez Parga (Recursos Produtivos para a Alimentación). A maiores, a Dirección Nacional do SLG encargoulle a Isabel Vilalba a elaboración dunha proposta para formar unha nova Executiva.

Carme Freire fora elixida secretaria xeral no VII Congreso do SLG, en 2007, responsabilidade na que sería reelixida no VIII Congreso, celebrado o pasado 5 de novembro de 2011. Pola súa banda, Isabel Vilalba é responsable da Secretaría das Mulleres do SLG, forma parte da directiva da Coordinadora Europea da Vía Campesina, e rexenta xunto ao seu cónxuxe unha explotación de vacún de leite e fabas en Lourenzá (Lugo).

As cinco persoas que dimitiron continuarán formando parte da Dirección Nacional do SLG, e este órgano no seu conxunto comprometeuse a seguir unido, traballando e apoiando as loitas e reivindicacións do Sindicato Labrego Galego, nunha época na que as organizacións sociais e a propia sociedade están a sufrir a maior agresión vivida na era democrática, mentres que a crise endémica que están a sufrir os diversos sectores agrogandeiros, en particular, e o medio rural, en xeral, se agudizan día a día coa conivencia dos poderes públicos.