A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG denuncia a baixa continuada no prezo do leite en orixe durante o primeiro semestre de 2012

O SLG denuncia a baixa continuada no prezo do leite en orixe durante o primeiro semestre de 2012

22 de Xuño do 2012

Explotación láctea

O Sindicato Labrego Galego denuncia que a baixada continuada no valor do leite en orixe e a tendencia alcista dos custes de produción, están deixando ás explotacións galegas nun nivel de beneficio cero, ou mesmo facéndoas entrar en perdas.

Así, o prezo do leite non parou de baixar dende xaneiro, mes no que o valor medio na Galiza foi de 31’8 céntimos por litro. A evolución seguiu con 31’5 céntimos en febreiro, 30’9 céntimos en marzo e 29’9 céntimos en abril. A previsión apunta a que maio se salde cunha nova baixada de 1 céntimo, tendencia que se podería manter en xuño. Asemade, o prezo dos insumos non para de subir. O Índice de Prezos en Alimentación Animal (IPAA), tivo un incremento do 21% no primeiro trimestre de 2012 con respecto ao mesmo período de 2011, debido ao aumento do prezo das importacións de soia de Sudamérica. Aínda que o gasóleo está experimentando unha tímida baixada nas últimas semanas, segue estando a un prezo inasumible para moitas explotacións, ao tempo que gastos como o correspondente á electricidade estanse disparando con cobros que, en ocasións, rozan a estafa.

Dende o Sindicato Labrego Galego demandamos que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cumpra os seus compromisos adoptados diante da Mesa do Leite, celebrada o pasado 5 de xuño, e traballe para axilizar ao máximo os trámites da Lei da Cadea Alimentaria, de cara a que na aplicación das marxes comerciais non siga imperando a lei da selva, e para que as explotacións lácteas da Galiza e do Estado non sigan a ser as eternas vítimas da extorsión a que as someten as industrias e as distribuidoras, que se están enriquecendo a costa de roubarlles as súas rendas aos gandeiros e gandeiras do sector.