A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG inicia en Suevos (A Baña) unha campaña informativa sobre o parque eólico de Campo Pequeno

O SLG inicia en Suevos (A Baña) unha campaña informativa sobre o parque eólico de Campo Pequeno

12 de Xullo do 2012

Parque eólico

O Sindicato Labrego Galego iniciará esta semana unha campaña informativa en Suevos (A Baña) sobre o impacto que terá nesta parroquia o parque eólico de Campo Pequeno. Neste momento, están en exposición pública a autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, a aprobación do proxecto de execución e o estudio de impacto ambiental deste proxecto enerxético. A declaración de utilidade pública implica a posibilidade de expropiación dun total de 392 parcelas afectadas.

En opinión de Lara Barros, coordinadora do Sindicato Labrego Galego na bisbarra compostelá, “a información que se está ofrecendo ás persoas afectadas dende a empresa interesada é escasa, parcial e tardía, diminuíndo a súa capacidade de resposta e negociación, polo que é imprescindible que a xente obteña toda a información que sexa posible”.

No marco desta campaña informativa, o Sindicato Labrego Galego convocou á veciñanza afectada polo parque eólico de Campo Pequeno a unha xuntanza informativa que terá lugar no local social de Suevos mañá, venres 13 de xullo, ás 20:30 horas. Na xuntanza, ademais de representantes do SLG na comarca, participará Damián Copena, do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía (GIEEA) da Universidade  de Vigo, e autor da Guía para os propietarios de terreos eólicos.