A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Campaña nas principais comarcas leiteiras para sensibilizar á cidadanía sobre a crise do sector lácteo

Campaña nas principais comarcas leiteiras para sensibilizar á cidadanía sobre a crise do sector lácteo

16 de Xullo do 2012

Isabel Vilalba

As tres organizacións agrarias galegas presentaron, o 16 de xullo, unha campaña conxunta para informar á cidadanía sobre a crise que está a sufrir o sector lácteo galego dende hai anos, con prezos de miseria que son dos máis baixos do Estado e da Unión Europea. Por parte do Sindicato Labrego Galego, participou a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba. De primeiras, acordouse un calendario para xuntarse cos gobernos locais das principais comarcas leiteiras de cara a que aproben mocións de apoio ao sector leiteiro nos plenos municipais. En concreto, haberá encontros desta caste en Ordes, Carballo, Lugo, Betanzos, Vilalba, A Mariña, Arzúa, Melide, Monforte, Chantada, Sarria, Lalín e Santa Comba. De seguido, facilitamos o texto que se lles ofrecerá ás corporacións locais para solicitarlles o seu apoio:

O rural de Galicia está a afrontar un tempo de incertezas económicas agravado en boa medida polo diferencial de prezos do leite con España e Europa. Os gandeiros galegos son os que reciben un prezo máis baixo polo seu leite de toda España, só por diante dos gandeiros das Illas Baleares. En abril de 2012 os gandeiros galegos recibiron 29,9€/100 litros, que está un 5,68% por baixo do prezo medio estatal e un 15,06% por baixo do que perciben os produtores andaluces. As diferenzas de prezo entre Comunidades Autónomas danse incluso entre gandeiros que entregan á mesma empresa. As facturas demostran que Corporación Alimentaria Peñasanta paga máis aos gandeiros asturianos que aos galegos.  

Táboa leite 1Respecto do prezo percibido polos gandeiros galegos é un 0,23% inferior ao de Portugal, un 5,57% inferior ao de Francia, un 5,93% inferior ao de Alemaña é un 10,95% inferior ao de Holanda.

Táboa leite 2 Unha situación que se veu agravada pola suba dos custos de produción, a seca que vivimos a última primavera, a vaga de incendios, a falta de axudas por parte de Medio Rural a explotacións e a redución e práctica desaparición das compensatorias dos danos producidos pola fauna salvaxe. Así, nos últimos anos os custos de produción e o prezo do leite evolucionaron de maneira moi diferente: os fertilizantes, os combustibles, a electricidade e o penso para vacún de leite experimentaron subas espectaculares mentres que o prezo do leite ás penas experimentou cambios. Dende o ano 2005 os ingresos por venda de leite subiron un 0,9% e os custos de explotación subiron un 29,6% (os alimentos para o gando subiron un 33,9%, os fertilizantes un 60,2%, os gastos enerxéticos un 50,4%) o que motivou unha caída da renda do 43%.  

Táboa 3 leite Estes factores debuxan, en definitiva, un escenario pouco alentador para os que vivimos do sector primario en Galicia. Tal é así, que o lácteo galego está ao borde da súa desaparición e con el non só un tecido económico que da emprego a preto de 56.000 persoas na nosa Comunidade Autónoma, senón tamén unha forma de vida para os que residimos no rural, contribuíndo de xeito capital ao mantemento dun medio cada vez máis despoboado.

As organizacións de produtores trasladámoslle o pasado día 5 do pasado mes de xuño no marco da Mesa do Leite ao Presidente da Xunta de Galicia, a necesidade de impulsar diante do Goberno do Estado unha iniciativa política urxente e contundente que impida o estrangulamento financeiro do sector lácteo. Así mesmo, fixemos fincapé na importancia e o impulso dun acordo entre industria, produtores e Administración para acadar unha postura común diante da distribución de cara a impedir que as explotacións galegas, a pesar de teren un mercado de proximidade deficitario de leite, vexan como as francesas perciben un menor prezo a pesar de estar nun marco claramente excedentario.

A día de hoxe seguimos sen solucións, pero a situación do sector é aínda máis sombría.

Polo exposto, as organizacións profesionais agrarias, XÓVENES AGRICULTORES, UNIÓNS AGRARIAS e SINDICATO LABREGO GALEGO, SOLICITAN a presentación desta MOCIÓN diante o pleno da corporación municipaL  para apoiar nas administracións correspondentes o seguinte paquete de medidas:

Instar a Xunta de Galicia a que lles esixa aos ministerios de Agricultura e Economía para que non permitan que a distribución francesa e alemana nos trate como o sumidoiro para a súa produción láctea a custa de arruinar zonas produtoras como Galicia.

Solicitar do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo que lidere, como máximo responsable da Comunidade Autónoma con maior produción de leite do Estado, o impulso de normativas, como a do Contrato Lácteo, que permitan a negociación colectiva de prezos a través de organizacións de produtores.

Pedir ao Presidente desta Corporación Municipal que traslade a Consellería de Medio Rural a necesidade de reforzar as partidas de axudas á modernización das explotacións e, sobre todo, que actúe de xeito decidido contra o déficit de terra que padecen as explotacións galegas, que está a limitar a rendibilidade das mesmas e a comprometer o futuro das axudas europeas que estarán ligadas á superficie agraria.

Rolda conxunta