A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Segue o xuízo polos impagos de Lácteos Tambre mentres a empresa di non ter bens nin ingresos para evitar o embargo

Segue o xuízo polos impagos de Lácteos Tambre mentres a empresa di non ter bens nin ingresos para evitar o embargo

10 de Septembro do 2012

Xuízo Ordes

O proceso xudicial contra Lácteos Tambre polos impagos que mantén a varias explotacións de diversas bisbarras galegas tivo continuidade hoxe, 10 de setembro, con tres novas vistas orais. Asesoradas polos servizos xurídicos do Sindicato Labrego Galego, foron seis explotacións -das moitas afectadas- as que se atreveron a denunciar a esta empresa afincada en Penateixa (Oroso) por facturas pendentes de pago correspondentes a finais de 2010 e comezos de 2011. As denuncias interpuxéronse formalmente ante os xulgados de Ordes, o 5 de maio de 2011, tras fracasar todas as vías de negociación e facilidades de pagamento acordadas cos gandeiros e gandeiras afectadas.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, denunciou que “estas explotacións sofren a morosidade de Lácteos Tambre nun contexto no que as súas rendas xa se viron seriamente minguadas pola crise de prezos no sector e o aumento desmesurado dos custes de produción, amais de ter sido ameazadas con ser as últimas en cobrar se se atrevían a denunciar”. As consecuencias disto, segundo a testemuña dos gandeiros e das gandeiras, van desde verse na obriga de pedir axuda económica a familiares e amizades para cubrir o burato xerado polos impagos e poder facer fronte aos gastos do día a día e da propia explotación, até o caso de granxas que tiveron que pechar.

Tralas denuncias interpostas, tres dos xuízos se saldaban con fallo favorable a favor das explotacións denunciantes, a finais de 2011, obrigando a Lácteos Tambre a saldar a débeda contraída con elas so pena de serlle embargados todos os seus bens e contas bancarias. Nembargante, segundo explicou Isabel Vilalba, Lácteos Tambre declarou non ter bens nin ingresos para evitar o embargo, a pesares de que na factoría de Penateixa séguese traballando baixo nomes como Lácteos Merza. Respecto disto, a secretaria xeral do SLG expresou a súa confianza en que “a xustiza esclareza estas artimañas legais que impiden que moitas explotacións poidan cobrar o seu leite. Non podemos consentir que esta empresa, calquera que sexa o seu nome, non pague o leite recollido mentres o seu dono segue a pasearse nun Jaguar”.

Isabel Vilalba manifestou que “o Sindicato Labrego Galego seguirá asesorando e apoiando ás explotacións afectadas até que todas cobren as súas débedas, tanto as que se atreveron a denunciar como o resto”.

Xuízo Ordes