A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Un milleiro de persoas e un cento de tractores tomaron as rúas de Santa Comba para esixir prezos xustos para o leite

Un milleiro de persoas e un cento de tractores tomaron as rúas de Santa Comba para esixir prezos xustos para o leite

12 de Septembro do 2012

Manifa

A manifestación convocada polas tres organizacións agrarias (SLG, UUAA e XXAA) para hoxe, 12 de setembro, en Santa Comba, foi todo un éxito, pois foi secundada por case mil persoas e un cento de tractores. Ademais, o comercio local pechou en solidariedade co sector lácteo.

A cuestión fundamental que motivou esta manifestación, amais doutras semellantes que se realizaron este mes na Galiza (Vilalba, Chantada, Ordes e Vimianzo), é a de esixir un prezo digno para o leite de maneira inmediata. Moitas das consignas que berraron os e as manifestantes viraban ao redor desta cuestión: “Prezo xusto para o noso produto”, “Queremos que suba o prezo do leite”; a maiores doutras como “Sen labregos non hai empregos” ou “Rajoy, escoita, o agro está en loita”.

Manifa Sta Comba

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, aproveitou a manifestación para denunciar “que estamos a cobrar un prezo medio ruinoso polo leite, entre 27 e 28 céntimos, mentres os custes de produción non para de aumentar”. Vilalba foi máis alá, e dixo que “nos rouban de maneira descarada coa complicidade das institucións, que miran para outra banda mentres as distribuidoras e as industrias nos extorsionan día si e día tamén. As culpables son elas, pero teñen cómplices, que son aqueles que lles permiten actuar desta maneira coñecendo como coñecen as súas prácticas: a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado”.

Tractores Sta Comba

Para Isabel Vilalba, a reivindicación principal e inmediata é que se suba o valor do leite en orixe na Galiza, que é o máis baixo de Europa, sen que iso quite de articular outras medidas necesarias e indispensables para dar estabilidade ao sector, pero xa a medio prazo, como sentar as bases para que os prezos se poidan negociar con garantías; que se lexisle para regular as marxes comerciais na cadea alimentaria; ou que se controle a produción láctea a nivel europeo, de maneira que se prohiban prácticas como a circulación de excedentes por baixo dos custes de produción, de países como Alemaña ou Francia, que están arruinando ao noso sector lácteo”.

 

 

undefined