A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG inicia unha campaña coa ECVC en Bruxelas para pedir unha nova PAC labrega e para a cidadanía

O SLG inicia unha campaña coa ECVC en Bruxelas para pedir unha nova PAC labrega e para a cidadanía

18 de Septembro do 2012

Acto COAG Madrid

O Sindicato Labrego Galego, como membro da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), apoiará a “Marcha por unha boa alimentación e unha boa agricultura” que, saída dende diversos puntos de Europa, confluirá mañá, 19 de setembro, diante do Parlamento Europeo. Alí, organizacións sociais de toda a UE e a sociedade civil reclamarán por cuestións básicas como alimentos con prezos xustos para labregos e labregas e para a cidadanía, verdadeiro respecto polo medio ambiente, e soberanía alimentar de cara a termos unha boa alimentación e unha boa agricultura na Unión Europea para todos e todas.

Para as organizacións que, como o Sindicato Labrego, formamos parte da ECVC, esta mobilización marca o punto de partida a unha serie de mobilizacións activas de cara a reclamar que a nova reforma da Política Agraria Común (PAC), que se comezará a negociar este outono e durante o ano 2013, se faga a medida das explotacións labregas e da cidadanía. Para a Coordinadora Europea da Vía Campesina, a nova PAC deberá contemplar medidas como a regulación pública das diversas producións agropecuarias e dos mercados, de cara a termos uns prezos xustos que cubran os custes de produción; e que as axudas directas vaian destinadas exclusivamente a agricultores e agricultoras en activo e a apoiar a pequenas e medianas explotacións, e non a grandes empresarios e terratenentes que, moitas veces, nin sequera viven no medio rural.

Para o Sindicato Labrego Galego, o futuro da agricultura europea, termos unha alimentación san, ou manter un medio rural vivo e habitado, son retos demasiado importantes, e que afectan de cheo ao conxunto da cidadanía, como para que se discutan só nos despachos de Bruxelas baixo a influencia e presión dos lobbies da agricultura industrial. Por iso, o SLG participará activamente en todas as mobilizacións que faga a Coordinadora Europea da Vía Campesina de cara a que a nova PAC poña no seu centro de atención á agricultura labrega e non siga a destruír sectores estratéxicos para o noso campo coma o lácteo, o cárnico, o vitícola, o hortícola ou o da pataca. Neste senso, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, estivo hoxe, 18 de setembro, en Madrid, para participar nun acto reivindicativo da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), da que o SLG é membro, e no que se doaron máis de 5.000 quilos de produtos básicos de orixe labrega ao Banco de Alimentos como leite, azucre, aceite, froita e hortalizas, etcétera. Ademais, o acto serviu para presentar a campaña de mobilizacións que se desenvolverán en todo o Estado, por parte das organizacións que conformamos a COAG, de cara a loitar por esa nova PAC cívica e labrega.

Acto COAG campaña PAC