A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O encontro da Secretaría das Mulleres do SLG constata o empobrecemento das persoas e familias que viven do agro

O encontro da Secretaría das Mulleres do SLG constata o empobrecemento das persoas e familias que viven do agro

27 de Outubro do 2012

Labregas

O impacto da crise na cidadanía, pero especialmente nas mulleres e no colectivo das labregas, centrou boa parte dos debates do Encontro Anual que a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego está a celebrar na Casa Común de Oza (Teo). Mais este traballo de análise compaxinouse con actividades de campo, como a visita que fixeron as participantes, na mañá do sábado, ao mercado de alimentos labregos dos Tilos. A saída serviu para celebrar unha xuntanza con algunhas das labregas que promoven este mercado, e constatar que se trata dunha interesante iniciativa que posibilita o contacto directo entre as persoas que producen e as que consumen, con múltiples beneficios para ambas partes.

En canto ao contido do encontro, Lupe Ces, da Marcha Mundial das Mulleres, impartiu o venres, 26 de outubro, o relatorio“Que supoñen para a cidadanía e para as mulleres a débeda e o rescate financeiro?” . O sábado 27 de outubro, foron tres expertas nos seus respectivos campos as que falarían do impacto na cidadanía e nas mulleres das políticas de recortes no ensino, en sanidade e nos servizos sociais: Sonia Fernández, do Secretariado Nacional do Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza (STEG); María Xosé Abuín, secretaria da Federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG); e Rosa Álvarez, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

As relatoras confirmaron que se están destinando moitos menos recursos públicos a eidos como o ensino, os servizos sociais ou a sanidade, coa desaparición de programas que eran moi importantes para as mulleres, que vén como está a descender a súa calidade de vida.

Posteriormente, nos obradoiros de traballo desenvolvidos polas participantes, xurdiron conclusións como o empobrecemento xeneralizado que están a sufrir as persoas e familias que viven da actividade agraria por mor do aumento imparable de todos os custes de produción, e polos prezos baixos –equiparables aos de hai vinte anos- para os produtos en orixe de todos os sectores agrogandeiros. Este empobrecemento tradúcese en consecuencias directas como que moitas labregas se ven obrigadas a deixar de cotizar á Seguridade Social, ou que as familias deben asumir o retorno ao fogar de fillos e fillas que perderon o emprego. E todo isto, aderezado cun empeoramento patente de servizos públicos básicos, como a sanidade, que implica gastos a maiores como pagar o transporte de persoas enfermas, fármacos, etc.

Outra das consecuencias da crise que se constatou nos obradoiros de traballo foi que está a haber moitas persoas que, ante a falla de medios de vida nas vilas, regresan ao campo a vivir, a cultivar e producir os seus propios alimentos e, mesmo, a probar unha saída laboral mediante o autoemprego. Precisamente, este retorno de xente ao medio rural urxe a que se lles dea unha viraxe de 180º ás políticas de retalladas actuais, aumentando os investimentos en todo tipo de servizos públicos para apoiar á xente que aposta de novo por vivir no campo.

Xa pola tarde, a avogada Celia Balboa deu unha charla sobre a actual Lei do Aborto, e as consecuencias que terían para as mulleres as posibles modificacións da mesma que está barallando o Ministerio de Xustiza. 

Labregas no mercado de TEeo