A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. As labregas do SLG elixen responsable da Secretaría das Mulleres e deciden apoiar a Folga Xeral do 14 de novembro

As labregas do SLG elixen responsable da Secretaría das Mulleres e deciden apoiar a Folga Xeral do 14 de novembro

28 de Outubro do 2012

Pancarta

Despois de tres días de intenso traballo, o IX Encontro Anual de Mulleres do Sindicato Labrego Galego, que desta vez se celebrou en Teo, chegou á súa fin. Nesta última xornada elixiuse a unha gandeira de Teixeiro, María Ferreiro, como nova responsable da Secretaría das Mulleres do SLG. María Ferreiro substitúe nesta responsabilidade a Isabel Vilalba Seivane, que na actualidade é a secretaria xeral da organización agraria.

Ademais, as cen mulleres que participaron no encontro desprazáronse até o Parlamento de Galicia para realizar unha concentración en defensa dos dereitos das labregas e para denunciar as políticas que antepoñen “os intereses do capital financeiro especulativo por diante dos dereitos básicos das persoas”.

De seguido, transcribimos integramente a declaración que redactaron as participantes do encontro e que leu publicamente a nova responsable da Secretaría das Mulleres, María Ferreiro:

Manifestación Labregas

DECLARACIÓN DO IX ENCONTRO DA SECRETARÍA DAS MULLERES DO SINDICATO LABREGO GALEGO

Teo. 26, 27 e 28 de outubro de 2012

Nós, mulleres labregas, que vimos de distintos puntos da xeografía galega, chegamos ao IX Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego nun contexto no que día si e día tamén, escoitamos aos gobernos falar de débeda pública, prima de risco, recortes, políticas de axuste, rescates, adelgazamento da administración...

Constatamos que detrás destas palabras, hai políticas activas dos gobernos (galego, español e UE, decisións do Fondo Monetario Internacional, do Banco Mundial...) para traspasar o diñeiro público aos grandes grupos de poder que constitúen o capital financeiro. Políticas que consisten en que o BCE preste diñeiro aos bancos ao 1% e os bancos o presten aos gobernos ó 7%, facendo impagábeis as débedas dos estados.

Denunciamos a actitude dos gobernos de anteporen os intereses do capital financeiro especulativo por diante dos dereitos básicos das persoas e que no noso caso, se plasma na reforma da constitución española que prioriza o pago da débeda. Unha débeda que no 2013, só en intereses, vai supoñer case 39.000 millóns de € ao erario público.

Así estamos vendo como, ano tras ano, os gobernos están recortando os orzamentos destinados a financiar os servizos públicos esenciais para o desenvolvemento das persoas (ensino, sanidade, servizos sociais), así como en políticas de igualdade, loita contra exclusión social e a pobreza, loita contra a violencia machista, políticas de vivenda, políticas de emprego...

Constatamos como as políticas que nos impoñen co pretexto de saír da crise e de facerlle fronte á débeda lévannos a unha situación de tremenda precarización dos nosos postos de traballo e da nosa vida. Os elevados custes de produción provocados entre outras pola subida do IVE, gasóleo, taxas administrativas, xunto co estancamento e coa baixada dos prezos dos nosos produtos, están poñendo ao borde do abismo ás nosas explotacións, cun aumento da presión e da carga de traballo sobre as mulleres que nos enferma, ate o punto de ver incrementada dunha maneira importante enfermidades como a ansiedade e as depresións.

Novamente, igual que nos anos 70, estásenos obrigando a decidir si pagamos a seguridade social ou se estudamos as fillas e os fillos ou facemos fronte a outras prioridades. Outra vez, planea a pantasma da expulsión das labregas da seguridade social co que conleva en perda de dereitos.

Constatamos horrorizadas como as nosas fillas e os nosos fillos, volven verse obrigadas a coller o camiño da emigración para labrarse o futuro que os nosos gobernos lle negan, sen importarlle tirar pola borda os esforzos das familias e da sociedade para ter unha xuventude formada.

Os recortes orzamentarios na sanidade, no ensino e nos servizos sociais van no camiño de desmantelar estes servizos e convertelos nun negocio para os grandes grupos inversores dificultando o aceso ós mesmos das clases populares, cun impacto especial nas mulleres.

A escola pública xa está sendo afectada coa diminución do profesorado e o aumento de alumnado por aula. A mobilización das ANPAS da montaña de Lugo e de Ourense están poñendo de manifesto o especial impacto destas medidas no medio rural.

A perda do carácter universal da sanidade, o repago, son tamén o inicio dun proceso de cara a inminente privatización doutro servizo básico para a cidadanía cunha especial incidencia nas labregas e na poboación do medio rural.

Sendo as pensións no medio rural das máis baixas, especialmente, as das labregas despois da última reforma, o horizonte que se nos presenta fainos recordar a beneficiencia e a pobreza dos anos duros do franquismo.

Neste contexto DECLARAMOS:

  1. Estar firmemente decididas a nos consentir que a brecha entre ricos e pobres siga aumentando.
  2. A débeda pública como ilexítima, porque para salvagardar os intereses do capital especulativo atenta contra os intereses e o benestar dos pobos. Esiximos que se suprima da Constitución a prioridade de pagar a débeda. Nós non debemos, nós non pagamos.
  3. Estar firmemente decididas a manter os nosos postos de traballo como labregas, correctamente remuneradas e con dereitos. Esiximos, prezos dignos que remuneren o noso traballo;  a aplicación xa, da lei de Titularidade Compartida e o mantemento da actual lei do aborto.
  4. Estar firmemente decididas a loitar contra o abandono das políticas públicas e contra a privatización dos servizos públicos e dos recursos naturais como a auga e as sementes.
  5. Declaramos o noso apoio ás mobilizacións europeas do 14 de novembro e participaremos nas mobilizacións da folga xeral convocada na Galiza para este mesmo día.

Globalicemos a loita, globalicemos a esperanza!

 

 

undefined